O bus urbano de Lugo supera os 200.000 viaxeiros en xuño e marca un novo récord histórico

LugoXa
O servizo mantén a súa tendencia ascendente malia a fin do curso escolar e o descenso xeral de mobilidade, consolidando a fidelización da veciñanza co transporte público
autobús-urbano-Lugo
5 Jul 2025

O transporte público urbano de Lugo pechou o mes de xuño de 2025 cun total de 200.095 viaxeiros, unha cifra que marca un novo récord histórico para este mes e confirma a tendencia ascendente que vén rexistrando o servizo nos últimos anos.

A pesar de que xuño adoita ser un período de menor demanda pola finalización do curso escolar e a redución dos desprazamentos diarios de estudantes, este ano non só se mantiveron os datos, senón que mesmo medraron. “O que vemos é unha fidelización crecente da veciñanza co bus urbano”, destacaron desde o goberno local.

A evolución dos últimos exercicios reflicte esta progresión positiva: en xuño de 2020, en plena pandemia, rexistráronse 97.624 viaxeiros. A cifra aumentou a 122.294 en 2021, continuou subindo a 147.776 en 2022 e alcanzou os 173.457 en 2023. O ano pasado, en xuño de 2024, superouse por segunda vez a barreira dos 180.000 viaxeiros, con 181.802 usuarios. Este 2025, por primeira vez, superouse a marca dos 200.000 viaxeiros neste mes, consolidando o bo estado de saúde do servizo.

“O bus urbano segue demostrando que é a mellor maneira de moverse por Lugo”, sinalaron desde a área de Mobilidade. “Contamos cunha rede de liñas que conecta a case o 90 % da poboación e cunhas tarifas moi accesibles, o que fai que cada vez máis persoas escollan este medio de transporte no seu día a día”.

O Concello continúa traballando para promover o uso do bus como unha alternativa económica, sostible e cómoda, que reduce a necesidade de aparcamento e contribúe a diminuír a pegada de carbono da cidade.

O billete ordinario ten un prezo de 0,64 euros, cun desconto a 0,45 euros empregando a Tarxeta Cidadá, e tan só 0,31 euros para colectivos bonificados, como persoas con mobilidade reducida, pensionistas, estudantes ou persoas en situación de desemprego. Ademais, os transbordos son gratuítos para quen emprega a Tarxeta Cidadá.

⚙ Configurar cookies
0.42004704475403