O bus urbano de Lugo superou no ano 2024 "todos os rexistros históricos"
Rubén Arroxo, tenente alcalde do Concello de Lugo e responsábel da área de Mobilidade, anunciou que o bus urbano superou no ano 2024 "todos os rexistros históricos, con 2.219.312 billetes expedidos".
Arroxo afirmou que o rexistro de 2024 supera "en máis de 61.000 billetes os datos de 2019, o anterior ano con máis usuarios", e engadiu "isto demostra que a reformulación das liñas de transporte público está a funcionar e cada vez máis persoas apostan por usar o bus urbano".
O edil de Mobilidade afirmou que "seguiremos a traballar para que as veciñas e veciños de Lugo continúen a utilizar o bus urbano, un transporte económico que facilita as viaxes, ao non ter que preocuparse de buscar espazo para aparcar". En 8 dos 12 meses do 2024 o transporte público superou os rexistros previos, sendo o mes de marzo o que marcou a maior diferencia, con 12.282 billetes máis que o anterior mellor mes de marzo, rexistrado no ano 2017.
Arroxo criticou a postura do Partido Popular a respecto da mobilidade, e afirmou que "desde o PP din que peonalizar e humanizar espazos emblemáticos da cidade como a Mosqueira ou o barrio de Recatelo é asfixiar a mobilidade". Segundo Rubén Arroxo, se o PP gobernase Lugo, "darían un paso atrás volvendo meter coches pola Mosqueira ou recatelo, espazos xa gañados para a veciñanza nos que sería impensable ver coches circulando de novo".
O tenente alcalde lembrou que o Partido Popular podía ter colaborado para que, durante as datas de Nadal, o centro de Lugo contase con máis espazos para aparcar abrindo os aparcadoiros dos IES Virxe do Ollos Grandes e Lucus Augusti, "optimizando o espazo público para o estacionamento de vehículos, e facilitando que a xente se desprace ao centro para realizar as súas compras apoiando o comercio local".
Arroxo criticou a postura do PP "marxinando á cidade de Lugo desde a Xunta mentres pide que desde o Concello se asuma máis traballo", e explicou que "o PP quéixase de falta de espazos de estacionamento, pero non é capaz de colaborar para solucionalo".
Na actualidade, os aparcadoiros da Xunta continúan baleiros ao estar fóra de período lectivo, "do mesmo xeito que os continuaremos a ver baleiros polas tardes unha vez se inicien as clases", afirmou Arroxo, que engadiu "o Partido Popular anunciou desde a Xunta que estes aparcadoiros se ían abrir, pero seguimos a ver como non executan unha solución tan simple como darlle a un botón e permitir á veciñanza utilizar este espazo".