O bus urbano en Lugo será gratuíto durante o luns, 23 de setembro
O tenente de alcalde e responsable da área de Mobilidade e Infraestruturas do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que o bus urbano será gratuíto durante o luns 23 de setembro, debido á celebración o domingo anterior do Día Europeo sen Coches.
Arroxo animou ás veciñas e veciños de Lugo a "animarse a deixar o coche na casa e usar o transporte urbano, un medio que leva todo o ano batendo a marca de usuarios, colocando ao ano 2024 previsiblemente no mellor ano desde que se gardan rexistros".
"Deixando o coche na casa e apostando polo transporte público, a bicicleta ou facendo os desprazamentos a pé colaboramos para facer de Lugo unha cidade máis limpa e ecolóxica", afirmou Rubén Arroxo, que engadiu "seguimos nunha tendencia positiva en canto a número de usuarios, con 153.238 en agosto de 2024, este ano continúa a ser superar os rexistros, o que demostra que a reformulación das liñas de transporte urbano está a facer que máis persoas aposten por deixar o coche na casa e desprazarse por Lugo utilizando o transporte público".
Segundo explicou o mandatario, "neste momento do ano levamos o maior número de viaxeiros da historia no acumulado de todo o ano, o que demostra que, de seguir esta tendencia, 2024 será o mellor ano no transporte público de Lugo". Arroxo explicou que "os transbordos representan só un 3 % dos billetes expedidos, os datos amosan un verdadeiro aumento no número de persoas que cada día deciden usar o bus urbano".