O CN PortaMiñá Lugo, campión da Liga Galega Benxamín 2024/2025

A Fegan fixo públicos os resultados oficiais da Liga Galega Benxamín correspondente á tempada 2024/2025 e o Club Natación PortaMiñá Lugo proclamouse campión tras unha tempada brillante.
Os e as nadadoras da categoría benxamín lograron situarse na primeira posición da clasificación final, froito do esforzo constante e do traballo conxunto co seu equipo técnico.
Este éxito confirma unha vez máis a boa liña de traballo que se está a seguir tamén nas categorías de base, onde a formación e a dedicación seguen a dar grandes froitos para o futuro da natación lucense.
Ademais, os máis pequenos do Club PortaMiñá proclamáronse campións da Copa Galega Prebenxamín de natación, celebrada o sábado na piscina municipal de Frigsa, nunha xornada que reuniu a once equipos de toda Galicia.
Esta competición, pensada como unha auténtica festa da natación galega, foi o escenario no que o PortaMiñá volveu deixar patente o seu enorme nivel deportivo en todas as categorías, así como o gran traballo que se está realizando desde o club.