O CAM de Lugo acolle a sesión 'Residencias artísticas: creación, lugares, vínculos'

LugoXa
As e os interesados poderán asistir de balde con inscrición previa a través do correo electrónico cam@lugo.gal, xa que as prazas son limitadas
CAM-Lugo
28 Oct 2024

O Coliving Artístico Municipal do Carme acollerá este martes, de 11.00 a 14.00 horas, a sesión 'Residencias artísticas: creación, lugares, vínculos'; a primeira das xornadas enmarcadas no programa 'Páxina en branco': sesións de codiseño para o CAM, nas que axentes culturais de referencia compartirán as súas visións ao redor da programación de residencias artísticas.

A cita deste martes contará coa participación de Susana González, comisaria e responsable do Centro de Arte FMJJ en A Coruña; Miriam Pérez, directora de Espazo e Galería Vilaseco en A Coruña e Chantada; José Iglesias García, responsable da plataforma curatorial MAL, mediador en Concomitentes, de Estremadura; e o Colectivo Glovo, colectivo artístico, responsables das residencias artísticas e de investigación Atopémonos bailando, de Lugo.

Estes axentes culturais, referentes no desenvolvemento de proxectos de residencias, compartirán as súas experiencias de deseño, xestión e comisariado de residencias e os seus impactos na profesionalización dos artistas, no territorio, as súas comunidades e a dinamización local.

As e os interesados poderán asistir de balde con inscrición previa a través do correo electrónico cam@lugo.gal, xa que as prazas son limitadas.

A segunda sesión terá lugar o vindeiro 21 de novembro, baixo o título 'Boas prácticas culturais en residencias artísticas', e nela abordaranse as repercusións das boas prácticas nos proxectos de residencias artísticas. Así, exploraranse diversos enfoques sobre a profesionalización, a sustentabilidade, o acceso á cultura, ou protocolos para espazos seguros.

Participarán Zaida Llamas e Alfredo Puente, coordinación xeral e curadoría da Fundación Cerezales Antonino e Cinia, Cerezales do Condado de León; e Ania González, avogada especializada en dereito da cultura e propiedade intelectual de Vigo, entre outros profesionais por confirmar.

“Estas sesións forman parte da programación que deseñamos dende o Executivo municipal ata final de ano para dar a coñecer esta nova dotación e fomentar o seu uso, mentres que en 2025, prevese que entre en funcionamento o Regulamento das Residencias Artísticas Internacionais do Coliving”, lembrou Repetto, quen explicou que “están dirixidas a profesionais da cultura con interese en participar do diálogo posterior”.

O Coliving do Carme, inaugurado en xuño, está deseñado para ser un catalizador da cretividade e do desenvolvemento profesional no ámbito artístico e cultural, pero tamén para contribuír á rexeneración desta zona estratéxica de Lugo.

En 2025, espérase que entre en funcionamento o Regulamento de Residencias Artísticas Internacionais, o que permitirá a artistas de todo o mundo optar a bolsas para desenvolver os seus proxectos neste espazo durante tres meses. Así, xa se están a elaborar as bases que regularán a convocatoria destas residencias, para que as e os artistas interesados poidan optar a becas coas que acceder ao Coliving durante tres meses, para desenvolver a súa obra que despois mostrarán ao público na área expositiva deste mesmo centro.

Durante este ano 2024 o CAM Lugo xa foi testemuña de numerosas actividades destinadas a diversos públicos, tales como obradoiros, concertos, charlas ou encontros con axentes e colectivos culturais.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18491196632385