O CAM de Lugo acollerá a sesión 'Boas prácticas culturais en residencias artísticas'

LugoXa
Esta sesión encádrase no marco da segunda xornada do programa 'Páxina en branco: sesións de co-deseño no CAM'
CAM-Lugo
18 Nov 2024

O Coliving Artístico do Carme de Lugo acollerá o vindeiro xoves, 21 de novembro, a segunda xornada do programa 'Páxina en branco: sesións de co-deseño no CAM'. Trátase da iniciativa a través da que axentes culturais de referencia comparten as súas visións ao redor da programación de residencias artísticas.

Esta segunda sesión, baixo o título 'Boas prácticas culturais en residencias artísticas', terá lugar de 11.00 a 14.00 horas, e contará coa participación de Zaida Llamas e Alfredo Puente (Coordinación xeral e curadoría da Fundación Cerezales Antonino y Cinia, Cerezales del Condado, León); Ania González (avogada especializada en dereito da cultura e propiedade intelectual); Sara García (cofundadora da A Seara e vogal da Asociación Galega de Profesionais dá Xestión Cultural); e Caterina Varela (fundadora e directora do programa Residencias Paraíso do Colectivo RPM).

“Nela, os ponenetes abordarán as repercusións das boas prácticas nos proxectos de residencias artísticas. Exploraranse diversos enfoques sobre a profesionalización, a sustentabilidade, o acceso á cultura, ou protocolos para contornas seguras”, explicou o edil de Dinamización Económica, Mauricio Repetto.

Estas sesións están dirixidas a profesionais da cultura con interese en participar do diálogo posterior, podendo asistir con inscrición previa en cam@lugo.gal.

O programa 'Páxina en branco: sesións de co-deseño no CAM' forma parte da planificación de posta en marcha do novo equipamento, que en 2025 inaugurará a Regulación das Residencias Artísticas Internacionais.

O Coliving do Carme está deseñado para ser un catalizador da creatividade e do desenvolvemento profesional no ámbito artístico e cultural, pero tamén para contribuír á rexeneración desta zona estratéxica de Lugo. En 2025, espérase que entre en funcionamento o Regulamento de Residencias Artísticas Internacionais, o que permitirá a artistas de todo o mundo optar a bolsas para desenvolver os seus proxectos neste espazo durante tres meses.

Así, xa se están a elaborar as bases que regularán a convocatoria destas residencias, para que as e os artistas interesados poidan optar a becas coas que acceder ao Coliving durante tres meses, para desenvolver a súa obra que despois mostrarán ao público na área expositiva deste mesmo centro.

⚙ Configurar cookies
0.39358806610107