O Camiño Francés festexa o 30 aniversario da súa declaración como Patrimonio da Humanidade

SarriaXa | LugoXa
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou durante o acto de celebración do 30º aniversario da declaración do Camiño Francés como Patrimonio da Humanidade pola Unesco, o aumento do impacto económico e social do Camiño de Santiago na comunidade galega nas últimas décadas e resaltou o “éxito colectivo” que supón pechar este 2023 con récord histórico de peregrinos a pesar de non ser Ano Xacobeo.
17 Dec 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou durante o acto de celebración do 30º aniversario da declaración do Camiño Francés como Patrimonio da Humanidade pola Unesco, o aumento do impacto económico e social do Camiño de Santiago na comunidade galega nas últimas décadas e resaltou o “éxito colectivo” que supón pechar este 2023 con récord histórico de peregrinos a pesar de non ser Ano Xacobeo.

“Estes 30 anos nos teñen que encher de orgullo polo que conseguimos colectivamente e agora que encaramos dentro de moi pouco tempo esa década xacobea imos seguir traballando así para que os que, dentro doutros 30 anos lles toque avaliar o que se fixo nestas tres décadas poidan dicir que as cousas se fixeron ben e que un Camiño que ten moitos séculos de historia séguese mantendo tan saudable como o primeiro día”, manifestou.

Na súa intervención, Rueda recoñeceu que aínda que o Camiño de Santiago leva actuando como nexo de pobos e culturas desde hai séculos, o ano 1993 supuxo “un antes e un despois”, logo de obter o recoñecemento da Unesco e de celebrarse o Xacobeo 93, que permitiu que os Anos Santos transfiran a esfera relixiosa para converterse en todo un referente sociocultural no que se implica toda a comunidade.

Así mesmo, quixo agradecer a todos os axentes que conforman dito Camiño como, por exemplo, as distintas entidades que colaboran como a Asociación de Municipios do Camiño de Santiago (AMCS) -coorganizadora do acto de hoxe- ou os concellos de fóra de Galicia que tecen unha rede para que a experiencia sexa satisfactoria. “Temos o enorme privilexio de ser o final de todos os camiños, pero tamén a responsabilidade de pensar que todos os que chegan a Santiago antes pasaron por moitísimos sitios e merecen que a experiencia sexa igual de boa en todas partes”, indicou.

Neste sentido, quixo agradecer tamén de xeito especial o labor levado a cabo por Víctor Manuel Vázquez Portomeñe, que acadou o pasado ano o título de Embajador de Honor del Camino de Santiago e do que louvou que apostase pola promoción do Camiño nos anos 90.

Tal e como explicou o presidente autonómico, desde entón multiplicouse o investimento para mellorar, conservar e promocionar a ruta xacobea; creouse a rede pública de albergues que xa conta con 4.200 prazas e o Camiño converteuse nun motor da economía da comunidade e un dos principais atractivos do turismo en Galicia.

Retos do futuro

No que vai de 2023 xa son máis de 444.000 os cidadáns que recolleron a súa compostela e, tal e como salientou o presidente, Galicia volveu bater un récord histórico de peregrinos a mes e medio de finalizar o ano a pesar de non ser Xacobeo.

Pese a estas cifras, Rueda animou a seguir “medrando con sentidiño sen esquecer o que somos e que debemos conservar” e traballando no Camiño do futuro que pasa por ser máis sostible, máis accesible e no que haxa unha maior colaboración público-privada. Para iso e coa mente xa posta no vindeiro Ano Santo, a Xunta ten en marcha un plan específico, dotado de 140 millóns de euros ata 2027.

0.19977498054504