O Camiño Francés fortalece a súa proxección internacional cun irmandamento con municipios de Gran Canaria

LugoXa | SarriaXa
O acordo, selado no Castelo de Pambre, aposta pola promoción conxunta e o intercambio cultural de cara ao vindeiro Ano Santo Xacobeo
irmandamento-Camiño-Francés-e-Canario-Palas-de-Rei
10 Apr 2026

O Castelo de Pambre, en Palas de Rei, converteuse no escenario da sinatura do irmandamento entre a Mancomunidade de Municipios do Camiño Francés e os concellos canarios de San Bartolomé de Tirajana, Tejeda e Gáldar, todos eles con rutas xacobeas propias. O acto serviu para reforzar a cooperación entre territorios unidos pola tradición do Camiño de Santiago.

Durante a xornada, cada un dos municipios participantes presentou as súas principais características, dando a coñecer aspectos como o patrimonio histórico, a actividade económica, a gastronomía, así como as súas feiras, festas e outros atractivos culturais que forman parte da súa identidade.

Tras estas intervencións, as entidades implicadas acordaron sumar esforzos para impulsar a promoción conxunta das súas rutas xacobeas, poñendo especial énfase na difusión do Camiño de Santiago de cara ao próximo Ano Santo Xacobeo. Neste contexto, tamén subliñaron a relevancia de reforzar a colaboración institucional como ferramenta clave para garantir a protección e o fortalecemento do Camiño, ao tempo que destacaron o valor dos intercambios culturais entre territorios.

Na sinatura estiveron presentes representantes de distintos concellos lucenses, entre eles Portomarín, Paradela, Sarria e Triacastela, que quixeron apoiar esta iniciativa de cooperación.

Este irmandamento supón un novo paso na construción de pontes entre pobos e na posta en valor do Camiño Francés como eixo vertebrador de cultura, turismo e identidade compartida.

0.12160205841064