O campamento de verán do Vello Cárcere consolídase como referente na oferta estival do Concello de Lugo

O campamento de verán do Vello Cárcere, unha das propostas máis consolidadas da programación estival do Concello de Lugo, recibiu esta mañá a visita da concelleira de Educación, Iria Buide, quen puido coñecer de primeira man as actividades que están a desenvolver as nenas e nenos participantes, así como conversar co equipo educativo encargado da súa dinamización.
“Queremos que Lugo sexa unha cidade que coide das familias durante todo o ano, tamén no verán. O Vello Cárcere convértese nestes meses nun espazo vivo, cheo de aprendizaxe, xogo e valores”, destacou a concelleira durante a súa visita.
O campamento está dirixido a nenas e nenos empadroados no Concello de Lugo, nados entre os anos 2013 e 2021, organizándose en quendas bisemanais que se estenden desde o 30 de xuño ata o 5 de setembro. Cada quenda conta cun máximo de 20 participantes, desenvolvéndose as actividades entre as 10:15 e as 13:45 horas, con marxes de chegada (de 10:00 a 10:15) e recollida (de 13:45 a 14:00) pensadas para facilitar a conciliación familiar.
Segundo explicou Iria Buide, as actividades inclúen un forte contido artístico, lúdico e educativo, con programacións variadas que abarcan desde a reciclaxe e a promoción da lingua galega ata o traballo en valores sociais, combinadas con espazos de xogo libre.
Ademais do Vello Cárcere, o Concello de Lugo ofrece outras opcións estivais como os campamentos da Casa das Linguas, nas instalacións da Estrada da Granxa e María Balteira, cunha nova quenda do 23 de agosto ao 5 de setembro para crianzas nadas entre 2015 e 2021. O horario destes campamentos vai de 9:30 a 13:30, sendo flexible de 9:00 a 14:00 para facilitar a conciliación. As inscricións poderán realizarse a partir do 18 de agosto, enviando a solicitude por correo electrónico á Casa das Linguas desexada. As prazas concédense por orde de inscrición e só se pode elixir un centro.
Tamén continúa a actividade no MIHL, cun formato de campamentos por semanas entre o 30 de xuño e o 5 de setembro, dirixidos a nenas e nenos de entre 3 e 12 anos, con grupos de 15 participantes e horario de 9:15 a 13:45 horas.
“A oferta municipal de verán é ampla, diversa e gratuíta, pensada para garantir espazos seguros onde as crianzas poidan xogar, convivir e aprender. O campamento do Vello Cárcere é un exemplo perfecto de como aproveitar o noso patrimonio para crear experiencias educativas de calidade”, concluíu Iria Buide.