O Campamento de Xadrez de Nadal terá lugar os días 23, 24, 26, 27 e 30 de decembro

A Asociación Cultural Xaquedrum organiza, en colaboración con outras entidades, o Campamento de Xadrez de Nadal no Parque Infantil de Tráfico de parque de Frigsa os días 23, 24, 26, 27 e 30 de decembro.
O obxectivo que se persegue con este programa é fomentar a práctica do xadrez entre os pequenos da cidade e provincia, e contribuír a alcanzar os beneficios que este trae consigo na formación integral dos participantes e, ao mesmo tempo, facilitar a vida laboral e familiar dos lucenses.
Así, levarán a cabo diferentes actividades relacionadas co xadrez e ao mesmo tempo, actividades de tempo libre, manualidades, conta contos, actividades deportivas, xincanas... Cada unha delas adaptadas ás idades dos participantes.
O campamento dividirase en tres grupos: xadrez divertido, dirixido para nenos e nenas de catro anos a oito anos; xadrez máxico, para mozos e mozas de sete anos a quince anos; e o V Campus de Xadrez, dirixido aos mozos e mozas que participan nos campionatos galegos e de España.
O horario será de 09.00 a 14.00 horas, podéndose ampliar desde as 08.00 horas e ata as 15.00 horas e as persoas interesadas en participar poderán facelo a través do correo electrónico xaquedrum@gmail.com ou no teléfono 657 974 937. O custo do campamento será de 55 euros, habendo descontos por irmáns ou ser alumno da escola.