O campamento Destino Ancares ofrece en Becerreá unha proposta de lecer, natureza e aprendizaxe

O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Becerreá é estes días o escenario do campamento Destino Ancares, unha actividade incluída na campaña Modo Verán Activo da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, na que participan 27 nenos e nenas nados entre 2014 e 2016.
A actividade, que se desenvolve nunha única quenda desde o pasado 11 de xullo ata este venres, foi visitada esta mañá polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e pola directora xeral de Xuventude, Lara Meneses.
O campamento ofrece aos rapaces e rapazas a posibilidade de aprender e divertirse a través do coidado da horta, recolección de produtos, identificación de plantas aromáticas e medicinais, observación de animais de alta montaña, así como con obradoiros de xabón e mel, actividades de aventura, acampadas, rastrexo fotográfico ou talleres de supervivencia.
Ademais, inclúe xogos deportivos, veladas con temáticas ambientais e rurais, e unha excursión á base de helicópteros e punto de vixilancia contra incendios forestais.
Segundo destacaron os responsables autonómicos, estes campamentos buscan facilitar un espazo de lecer formativo para nenos e mozos ao tempo que se ofrece un recurso de conciliación ás familias durante o verán.