O Campionato de España de Trail, o seguinte obxectivo do Club Deportivo Biosbardo de Lugo
O vicepresidente da Deputación de Lugo e deputado de Deportes recibiu este xoves no Pazo de San Marcos a atletas do Club Deportivo Biosbardo de Lugo, que destacou no Campionato Galego de Trail disputado o pasado 18 de febreiro en Muros. Os deportistas lograron un primeiro posto por equipos na categoría masculina e un terceiro posto na feminina, ademais de tres medallas individuais.
No acto, no que participou tamén o tenente alcalde de Lugo Rubén Arroxo e o concelleiro de Infraestruturas Alex Penas, o club expuxo o próximo reto deportivo, a participación no Campionato de España de Trail, que se disputará o próximo 10 de marzo en Murcia, e na que participará un dos atletas do club, Federico Losada, como parte da selección galega. A participación nas competicións de alto nivel é un dos alicientes da actividade do CD Biosbardo, centrada en facilitar a práctica deportiva para atletas amateur das categorías absoluta e máster.