O campo da feira de Nadela xa está a punto para a celebración da Feira de Entroido

LugoXa
O Concello de Lugo culmina un operativo especial de limpeza e acondicionamento para garantir o bo desenvolvemento dunha cita clave do rural lucense
melloras-campo-da-feira-de-Nadela
5 Feb 2026

O Concello de Lugo, a través da área de Medio Ambiente, deu por finalizado o operativo municipal de limpeza e acondicionamento do campo da feira de Nadela, unha intervención desenvolvida ao longo de toda a semana co obxectivo de preparar a contorna para a celebración da Feira de Entroido.

Os traballos, executados polo servizo municipal LuceLugo, permitiron mellorar tanto o espazo principal da feira como os accesos e os elementos anexos, asegurando condicións adecuadas de limpeza, seguridade e funcionalidade para a veciñanza e para as persoas visitantes.

O operativo municipal contou cun amplo despregue de medios técnicos e humanos e incluíu a limpeza a presión das mesas, da marquesiña do autobús e dos contedores, o desbroce da zona mediante dous tractores e catro operarios equipados con desbrozadoras e sopladores, o baldeo mixto de lavado de toda a área do campo da feira e o paso final da varredora para deixar a contorna en condicións óptimas.

De forma complementaria, a brigada de rural levou a cabo tamén traballos paralelos de desbroce noutras zonas da parroquia, contribuíndo á mellora xeral das vías e dos espazos públicos e reforzando a preparación do entorno no seu conxunto con motivo da feira.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, puxo en valor esta actuación ao destacar que a Feira de Entroido de Nadela constitúe unha cita de especial relevancia para o rural, ao funcionar como punto de encontro no que se poñen en valor as tradicións, os produtos e a identidade das parroquias, e subliñou que desde o Concello se traballa de maneira intensa e coordinada para que este tipo de celebracións se desenvolvan con normalidade e coa calidade que merecen.

⚙ Configurar cookies
0.079314947128296