O campo de fútbol Castro Seoane de Antas de Ulla xa conta con mellor iluminación

LugoXa
Esta intervención permitirá evitar sancións impostas polos organismos reguladores das categorías nas que compite o club, ademais de favorecer o desenvolvemento dos encontros
Nuria-Louzao-e-Pilar-García-Porto-SD-Antas-de-Ulla
6 Mar 2025

O Concello de Antas de Ulla vén de rematar os traballos de optimización da iluminación no campo de fútbol municipal, o Castro Seoane.

Esta intervención, amplamente solicitada pola Sociedade Deportiva Antas de Ulla, principal usuaria do recinto, permitirá evitar sancións impostas polos organismos reguladores das diversas categorías nas que compite o club, ademais de favorecer o desenvolvemento dos encontros.

Así, substituíronse os proxectores das catro torres de iluminación, cun orzamento de 18.000 euros, unha actuación que contou co apoio da Deputación Provincial de Lugo.

"Para nós, esta mellora é fundamental, pois a SD Antas de Ulla promove o acceso ao deporte da poboación local desde a infancia", afirmou a alcaldesa do municipio, Pilar García Porto, e destacou que "o club conta con dez categorías, desde biberóns ata sénior, incluíndo equipos femininos que son un referente tanto a nivel comarcal como provincial".

García Porto aproveitou a ocasión para percorrer as instalacións acompañada de Nuria Louzao, presidenta da Sociedade Deportiva Antas de Ulla e xogadora do equipo feminino.

OUTRAS MELLORAS

Esta obra súmase ás melloras realizadas nos vestiarios e no equipamento deportivo, financiadas pola Consellería de Deportes da Xunta de Galicia cun investimento próximo aos 50.000 euros. Tamén ás actuacións no sistema de subministración de auga quente e fontanería, custeadas integramente polo Concello cun total de 9.622 euros.

Ademais, realizouse unha intervención nas piscinas municipais que garantiu o seu funcionamento durante os dous últimos anos, tras un período de total abandono. Neste proxecto, o Concello destinou 11.000 euros.

Nos últimos anos tamén se levaron a cabo melloras na instalación eléctrica por un importe de 1.650 euros e na renovación do peche perimetral do campo por 2.000 euros, ambas financiadas polo Concello. En total, investíronse preto de 92.000 euros en infraestruturas deportivas no municipio.

"Desde o Goberno municipal seguiremos traballando para executar novas melloras nas distintas instalacións deportivas de Antas de Ulla", concluíu García Porto.

⚙ Configurar cookies
0.59077000617981