O campo de fútbol da Polvoreira retoma a actividade despois de ser acondicionado

LugoXa
Jorge Bustos quixo agradecer a comprensión e colaboración dos clubs deportivos e a comunidade educativa do CEIP As Mercedes durante o tempo que duraron os traballos
Campo-da-Polvoreira-(polvorín)-Lugo
7 Nov 2024

O campo de fútbol da Polvoreira retoma a actividade tras a intervención que supuxo a substitución integral do céspede artificial, agora certificado pola FIFA, garantindo que a superficie cumpre cos estándares de calidade FIFA QUALITY e FIFA QUALITY PRO, o que permitirá aos deportistas xogar en condicións óptimas de seguridade e comodidade.

Co campo renovado, os clubs locais poderán retomar os seus adestramentos, garantindo unha transición cómoda para os equipos. Entre as entidades que volverán á actividade destacan o EF Polvorín, o San Roque, o Ceosport Lucense e a Gimnástica Lucense, todas elas elementos clave no fomento do deporte base na cidade.

Ao respecto, o concelleiro de Xuventude e Deportes, Jorge Bustos, subliñou que “contar con infraestruturas deportivas de calidade é fundamental para o noso tecido asociativo e o desenvolvemento do deporte base en Lugo”, reforzando o compromiso do Concello coa promoción de actividades deportivas en condicións idóneas.

A partir da próxima semana, o CEIP das Mercedes tamén poderá recuperar o seu uso habitual do campo, empregando as instalacións para as súas actividades deportivas escolares, así como para as horas de recreo, unha práctica xa consolidada que contribúe á formación física dos estudantes.

O primeiro encontro competitivo tralo remate das obras terá lugar o sábado ás 10.00 horas, cando o equipo CEOSPORT Lucense B se enfronte ao EF Polvorín B nun partido da Liga Local Infantil. Ao longo da fin de semana, o campo acollerá un total de 12 partidos, abarcando categorías desde infantil ata a Liga Rexional.

Jorge Bustos quixo tamén expresar o seu agradecemento pola comprensión e colaboración dos clubs deportivos e a comunidade educativa do CEIP As Mercedes durante o tempo que duraron os traballos. “Agradecemos aos clubs a súa paciencia e colaboración nestas semanas. Grazas á súa disposición, puidemos habilitar espazos alternativos como o campo de San Fiz para que continuasen coa súa actividade sen interrupcións,” afirmou o edil, destacando o traballo do equipo da concellería de Xuventude e Deportes para minimizar o impacto da intervención e asegurar que o deporte local seguise o seu curso.

0.17117094993591