O campo de rugby das Pedreiras estrea sistema de rega

LugoXa
O Concello está a mellorar o Estadio Gregorio Pérez Rivera co financiamento da Xunta.
campo rugby as pedreiras
21 sep 2023

O Concello está a mellorar o Estadio Gregorio Pérez Rivera co financiamento da Xunta. O obxectivo deste investimento, que supera os 47.000 euros, é equipar o terreo de xogo cun moderno sistema de rega que permita unha mellor conservación do céspede natural á vez que axude a reducir o volume de auga utilizada en busca dunha maior sustentabilidade. Deste xeito, o Goberno local busca que o campo anexo á instalación de As Pedrerías sexa máis seguro e máis eficiente. “Esta obra enmárcase dentro do programa de actualización das dotacións deportivas municipais. Neste caso concreto perseguimos un triplo obxectivo. Reducir custos de mantemento, mellorar a superficie de xogo e previr as lesións durante a práctica deportiva, posto que os terreos de herba natural presentan unha serie de peculiaridades, como a compactación do firme,  que deben ser atendidas para evitar que perdan calidade a medida que pasan os anos”, sinalou o responsable de Deportes, Jorge Bustos.

O manto vexetal estará abastecido por un total de 35 aspersores. O sistema, que xa se atopa na fase final da súa instalación, consta de 15 fontes de círculo completo, 16 sectoriais a 180 graos e catro máis de 90 graos. Todo o conxunto está comandado por un programador electrónico que serve para o control de todo a rega do campo e unha optimización do uso da auga. “Este investimento permítenos mellorar a calidade do céspede dun terreo de xogo con moito uso durante a semana e que ademais acolle competicións deportivas relevantes que rexistran unha considerable afluencia de público durante gran parte do ano, como os partidos do Muralla RC e as competicións dos equipos de atletismo da cidade de Lugo ”, explicou Bustos.

A instalación do novo sistema está a realizarse de forma que o terreo de xogo non se vexa afectado. Para iso foi necesario o uso de maquinaria especializada para que o céspede sufrise a menor agresión posible durante os traballos. Na fase inicial interveu unha gabiadora con rodas turf de baixa presión que foi equipada con cinta transportadora para evacuar a terra da gabia directamente a un remolque. “A execución da obra con este sistema permitiunos reducir tempos e garantir que o terreo de xogo non se vexa afectado para si non ter que  deter a actividade deportiva neste espazo. De feito esperamos que a próxima semana estea a obra rematada”, concluíu o concelleiro.

A Xunta de Galicia financiou con 38.000 euros o novo sistema de rega do campo de rugby do complexo deportivo As Pedreiras, en Lugo, ao abeiro dunha orde de axudas para os concellos da Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes. O orzamento total das obras foi de 47.500 euros.

0.18156409263611