O Campus Alex Llorca bate récord de participación en Lugo
Uns 150 nenas e nenos participan na novena edición do Campus Alex Llorca que foron recibidos polo vicepresidente da Deputación de Lugo e deputado de Deportes Efrén Castro recibiu aos participantes no Pazo de San Marcos. A Vicepresidencia da Deputación colabora con este campus deportivo, que se está a celebrar no Pazo dos Deportes e no Anexo, que alcanzou récord de participación e conta con xogadoras e xogadores de 9 a 17 anos de Lugo e Galiza pero tamén doutros puntos do estado como Madrid, Canarias ou Cataluña.
Durante toda a semana os participantes contan con adestramentos dirixidos, fisioterapeuta ou testemuñas centradas en mellorar o seu estado físico e enfocarse ao futuro deportivo. Tamén teñen tempo para asistir á piscina, realizar gymcanas pola cidade ou recibir visitas de xogadores profesionais. A alcaldesa, Paula Alvarellos, acompañada do edil de Deportes, Jorge Bustos, recibiu aos participantes. A actividade, que desde os seus comezos contou coa colaboración do Concello de Lugo, alcanzou a súa novena edición, consolidándose como un dos campus de baloncesto máis importante de cantos se celebran en Lugo.
Paula Alvarellos deu as grazas ao cadro técnico do campus por elixir Lugo para o desenvolvemento deste campamento de baloncesto; tamén aos monitores e monitoras e participantes, aos que desexou “aprender e medrar, tanto a nivel deportivo como persoal, para que nun futuro poidamos verbos xogar en equipos da elite do basket, como o Breogán ou o Ensino”. Ademais, a alcaldesa asegurou que “desde o Concello de Lugo compartimos os valores que se transmiten e se traballan neste tipo de actividades, polo que sempre contaredes co apoio do Goberno local, tal e como fixemos desde a primeira edición, hai agora nove anos”. O Goberno local colabora co Campus Alex Llorca, como parte dos seus obxectivos de apoiar ás familias no período non lectivo, e tamén no fomento dos hábitos saudables entre a mocidade, ao igual que está a facer durante o verán con outros campamentos similares.
Así, nos primeiros días de xullo xa tiveron lugar o Campus do Atlético de Madrid, no Campo de Fútbol As Gándaras, e o do Club Rítmica Filigrana, que precisamente rematará mañá no Polideportivo Piscina Municipal de Frigsa. Ademais, ata o 29 de xullo se desenvolve o Campamento Urbano Polideportivo da ADC Lumieira, en diferentes instalación municipais. Tamén nestas xornadas se está a celebrar a concentración que organiza o club Arenal Emevé, cuxas xornadas técnicas acabarán o vindeiro día 19, no Pavillón Municipal de Deportes e, por último, o Campus Irmáns Quintela, que terá lugar do 5 ao 9 de agosto, no Polideportivo Piscina Municipal de Frigsa.