O campus de Lugo cartografía os 301 espazos da Rede Natura 2000 no norte peninsular

LugoXa
A iniciativa estivo liderada polo catedrático da EPSE Manuel Marey, no marco do proxecto Mixturando, que desenvolve novas estratexias para a posta en valor do bosque mixto atlántico
proxecto-Mixturando-EPSE-USC-Lugo
9 Jun 2025

O grupo de investigación PROePLA, da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da Universidade de Santiago, vén de completar un amplo traballo de mapeo dos 301 espazos incluídos na Rede Natura 2000 ao longo de toda a cornixa cantábrica.

O estudo baséase en variables ambientais, sociais e económicas como o envellecemento da poboación, a densidade demográfica, a contaminación dos solos, a incidencia dos incendios forestais ou a proximidade a centros escolares e hospitalarios.

Esta caracterización detallada do territorio constitúe unha ferramenta fundamental para coñecer polo miúdo estas zonas de especial interese ecolóxico e deseñar políticas sostibles de futuro para as comunidades autónomas de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, así como para as provincias de León, Palencia e Burgos en Castela e León.

No marco do proxecto elaboráronse atlas temáticos que suman un total de 6.000 mapas sobre os espazos protexidos da Rede Natura 2000 en todo o terzo norte peninsular.

A iniciativa estivo liderada polo catedrático da EPSE Manuel Marey, no marco do proxecto Mixturando, que desenvolve novas estratexias para a posta en valor do bosque mixto atlántico en espazos protexidos de Galicia e Asturias.

O Grupo de Proxectos e Planificación PROePLA conta neste proxecto coa colaboración dos Grupos de Desenvolvemento Rural da Limia-Arnoia (Ourense), Terra e Auga (Pontevedra) e Camín Real de la Mesa (Asturias). Mixturando está apoiado pola Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia, financiado pola Unión Europea a través dos fondos NextGenerationEU.

⚙ Configurar cookies
0.16470694541931