O Campus de Lugo da USC acolle unha xornada sobre a revalorización de subprodutos agroindustriais
A Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA) do Campus de Lugo da USC acolle unha xornada baseada na posición estratéxica da revalorización de subprodutos agroindustriais como referente na xeración de coñecemento e na súa transferencia ao sector produtivo.
‘Avanzando cara a unha economía circular: novas achegas para valorizar subprodutos da industria alimentaria’ desenvolverase o vindeiro 28 de novembro, ás 16.30 horas, e as inscricións poden formalizarse a través do mail rebeca.carballo@aplta.es.
O evento ten como obxectivo compartir os últimos avances na valorización de subprodutos agroalimentarios e fomentar o intercambio entre persoal investigador, empresas e profesionais. Ao longo da xornada destacaranse investigacións innovadoras que exploran aplicacións sostibles destes subprodutos.
“Con este evento, buscamos promover o potencial de transferencia do coñecemento xerado en Galicia cara a solucións aplicadas, impulsando a colaboración entre a comunidade científica e o tecido empresarial”, apuntan dende a organización deste evento, que conta co apoio da Deputación Provincial de Lugo.
Programa do evento
‘Revalorización de subprodutos agroindustriais para a obtención de compostos de valor engadido: un enfoque de economía circular’ é o relatorio que correrá a cargo de Beatriz Gullón, doutora en Enxeñaría Química pola UVigo e investigadora Ramón y Cajal, que falará sobre estratexias innovadoras para transformar residuos agroindustriais en compostos bioactivos, promovendo un modelo económico máis sostible e competitivo.
‘Valorización de licores de lavado de millo (CSL) para obter extractos biosurfactantes para a súa inclusión en formulacións biopraguicidas’ é o título da intervención de Alejandro López, doutor en Enxeñaría Química pola UVigo, que abordará o potencial dos licores de lavado de millo como fonte de biosurfactantes que destacan pola súa biocompatibilidade, biodegradabilidade e capacidade para substituír ingredientes químicos en biopraguicidas.
Patricia López profundará na ‘Valorización de fibras en subprodutos de cereais e algas: novas oportunidades para a industria agroalimentaria’. A relatora, doutora en Ciencias e Tecnoloxía dos Alimentos e investigadora científica do CSIC, abordará o potencial dos subprodutos de cereais e algas como fontes de fibras funcionais, con aplicacións no desenvolvemento de produtos innovadores para a industria.
‘APLTA, oportunidades para a revalorización de coproductos e subprodutos da industria alimentaria’ é o título da presentación que realizará Laura Abuín, licenciada en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e técnica superior de investigación da APLTA. Abuín achegará un enfoque práctico sobre o aproveitamento de coproductos e subprodutos da industria alimentaria, destacando casos de éxito e oportunidades para a súa transformación en recursos de alto valor.