O campus de Lugo estrea un punto de recarga para coches eléctricos
A instalación de puntos de recarga para vehículos eléctricos que xa están á disposición da comunidade universitaria fortalece o compromiso da USC coa sustentabilidade. Os devanditos puntos atópanse situados nas facultades compostelás de Matemáticas e de Filoloxía, así como na Escola Polítécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo. Esta iniciativa entronca coa liña de traballo que a USC está a desenvolver para intensificar o vínculo dos espazos universitarios co tecido urbano e social no que se atopan inseridos.
A través desta nova iniciativa a Universidade redunda na súa vontade de potenciar a conexión das distintas zonas da cidade e a inserción dos campus na trama urbana a nivel de mobilidade, alén de dar un novo paso no proceso de humanización dos campus para mellorar a calidade de vida.
Proceso de recarga
As persoas que queiran beneficiarse deste servizo só teñen que descargar a aplicación para dispositivos móbiles, dispoñible tanto para Android como para iOS, que se atopa na web Puntos de recarga de vehículos eléctricos. Unha vez descargada, só é preciso buscar no mapa a localización, cubrir os datos necesarios e comezar a recargar o vehículo. A USC reivindica deste xeito unha proposta de mobilidade urbana sostible, así como vías para facer máis intensa a relación dos campus coa comunidade que os rodea.
Este servizo atópase dispoñible para membros da comunidade da USC que accederán empregando o seu correo institucional @usc.gal/es ou @rai.usc.gal/es. As dúbidas ou incidencias relativas á recarga poden trasladarse a través do número de teléfono +34 664 85 22 42 ou no enderezo electrónico soporte@digavel.com