O Campus Terra aloumiña a súa mocidade investigadora
Os ‘Ramón y Cajal’ César Pérez Cruzado, Alba Díaz e Patricia López, que están a desenvolver a súa carreira científica na sede universitaria luguesa nunha sesión de mentorización na que se puxo de manifesto a forte aposta deste campus de especialización da USC pola I+D, á que destina preto do 50% do seu financiamento.
O Campus Terra da USC aloumiña a súa mocidade investigadora a través de sesións de convivencia con investigadores ‘Ramón y Cajal’ que están a desenvolver a súa carreira científica na sede universitaria luguesa, tal e como é o caso de César Pérez Cruzado, Alba Díaz e Patricia López, tres expoñentes da investigación moza en ámbitos estreitamente ligados coas liñas de especialización do Campus Terra, que participaron como relatores nunha sesión de mentorización cunha nutrida representación de investigadores noveis, predoutorais e postdoutorais, do Campus de Lugo.
O programa, estruturado en tres horas de duración, permitiu aos relatores convidados achegar información sobre as distintas posibilidades e oportunidades para iniciarse no traballo de investigación, ademais de explicar o proceso que require o desenvolvemento dunha traxectoria investigadora nos diversos ámbitos científicos de especialización que abrangue o Campus Terra da USC.
A delegada do reitor da USC para o Campus Terra, a profesora Elvira López Mosquera, aproveitou a apertura deste encontro coa mocidade investigadora para dar conta do plan de mentorización científica deste campus de especialización, un proxecto a través do que se pretende acompañar o desenvolvemento científico e académico da mocidade por parte de homes e mulleres con máis experiencia en I+D+i que exercen o cometido de mentores.
López Mosquera aproveitou asemade a súa intervención neste foro para salientar a fonda aposta do Campus Terra da USC pola investigación, tal e como o proba o feito de que destine preto do 50% por cento dos 4 millóns de euros de financiamento consignados pola Xunta de Galicia para estes catro anos.
Alén de poñer en valor este traballo de formación e fornecemento de talento novo para garantir a continuidade da actividade investigadora na sede universitaria luguesa, a delegada da USC para o Campus Terra tamén salientou o bo facer e a notable actividade que está a desenvolver o persoal integrado nos 50 equipos ou grupos de investigación que achegan músculo científico ao Campus Terra.
Esta intensa actividade científica permite á sede universitaria luguesa captar importantes recursos económicos para I+D+i a través da súa participación en convocatorias de proxectos nacionais e internacionais, ao tempo que favorece a transferencia de coñecemento e tecnoloxía ao conxunto da sociedade a través da convenios e contratos con entidades e empresas.