O Campus Terra comeza unha nova etapa cun investimento de 4,7 millóns de euros ata 2029

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, presentaron o novo acordo que permitirá desenvolver entre 2026 e 2029 a estratexia de especialización do Campus Terra de Lugo, centrada nos ámbitos da agricultura, a gandaría, o medio ambiente, a veterinaria e a saúde global.
O responsable autonómico cualificou esta nova fase como “unha oportunidade para consolidar Lugo como un polo de I+D+i neste eido”. No acto estiveron tamén presentes o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez.
O convenio, dotado con 4,7 millóns de euros e aprobado onte no Consello da Xunta, sitúa en máis de 13,5 millóns o investimento realizado polo Goberno galego neste campus desde 2013. Segundo destacou o conselleiro, este respaldo económico permitiu acadar a acreditación de especialización en 2021 e renovala posteriormente en 2025. Rodríguez puxo en valor o labor desenvolvido pola USC para superar o proceso de reacreditación tras a exhaustiva avaliación dun comité externo.
As recomendacións emitidas por ese órgano avaliador tradúcense agora nun novo marco de colaboración que permitirá cumprir os principais obxectivos estratéxicos do campus lucense nos vindeiros catro anos. Entre as accións financiadas pola Xunta figuran o fortalecemento dos vínculos coas empresas clave da contorna produtiva, o impulso á transferencia do coñecemento xerado cara á sociedade e a promoción de Lugo como cidade universitaria.
O conselleiro subliñou que o Campus Terra leva máis dunha década desenvolvendo un labor destacado para situarse como referente na docencia e na investigación vinculadas aos sectores primarios, fundamentais tanto para Lugo como para o conxunto de Galicia. Da man da Facultade e do Centro de Biomedicina e Veterinaria, converteuse nun referente no ámbito da saúde animal e, nesta nova etapa, avanzará cara a unha visión integral de saúde global co novo centro de investigación iTERRA.
Desde a Xunta, afirmou Rodríguez, preténdese dar un novo impulso a Lugo como referente en investigación universitaria, reforzando a actividade do Campus Terra e potenciando a súa proxección nacional e internacional como foco de coñecemento especializado.
PLAN DE ACTUACIÓNS
O plan de actuacións para o período 2026/29 estrutúrase en cinco grandes áreas: gobernanza, docencia, investigación, transferencia e información pública e transparencia.
No ámbito da gobernanza promoverase a actualización da súa estrutura organizativa para reforzar a conexión co tecido produtivo e facilitar a transferencia de coñecemento. Introduciranse modificacións respecto á etapa anterior e crearase unha nova comisión externa, denominada de Industrias Tractoras, que asesorará ao Comité de Dirección co obxectivo de fortalecer as relacións con empresas e sectores estratéxicos vinculados á especialización do campus. Este órgano complementarase coa Comisión Científica Externa, que ampliará a súa composición con especialistas dos ámbitos agrario, forestal e ambiental, garantindo o equilibrio entre investigación aplicada e básica. Ademais, constituirase como novidade a Comisión de I+D+i e Transferencia, con competencias en investigación, emprendemento e infraestruturas tecnolóxicas, e manterase a Comisión de Especialización Académica, centrada na implantación da política académica en grao e mestrado.
No eido docente, o Campus Terra centrará os seus esforzos en reforzar a oferta formativa e captar alumnado nos próximos anos. Revisaranse e actualizaranse os plans de estudo das titulacións existentes e estudarase a posta en marcha de novas carreiras cun enfoque innovador. Tamén se apostará pola mellora da calidade da docencia mediante formación do profesorado, adquisición de equipamento e colaboración con profesionais do sector produtivo que acheguen experiencia práctica. Crearase un espazo colaborativo de innovación con tecnoloxías avanzadas como impresoras 3D, corte láser, aula audiovisual e dispositivos de realidade virtual para experimentar con novas metodoloxías. Ademais, impulsaranse medidas para reforzar as competencias do alumnado, como un programa de mobilidade para prácticas no estranxeiro e a incorporación progresiva do inglés como formación complementaria.
En materia de investigación, un dos obxectivos prioritarios será o inicio e consolidación da actividade do centro iTERRA–Instituto de Investigación en Saúde Global e Desenvolvemento Sostible, creado en xuño de 2025, co fin de afrontar retos interconectados en saúde humana e animal, nutrición, produción e tecnoloxía alimentaria, seguridade alimentaria e sustentabilidade ambiental. Apostarase tamén pola promoción da carreira investigadora do persoal mozo para facer fronte á renovación xeracional prevista, reforzando programas propios de contratos predoutorais e posdoutorais e bolsas de iniciación á investigación Xermolos. Impulsarase igualmente a captación de talento a través de convocatorias como Ramón y Cajal, Oportunius e similares, así como acordos con empresas para desenvolver doutoramentos industriais. O campus promoverá ademais a participación en proxectos con financiamento internacional, especialmente nos programas Horizonte Europa e do Consello Europeo de Investigación.
No ámbito da transferencia, as actuacións buscarán dinamizar a relación coa contorna produtiva, social e científico-tecnolóxica para aplicar o coñecemento xerado e contribuír ao progreso económico e social. Impulsarase formación para profesionais do sector e potenciarase a visibilidade das capacidades do campus a través da ferramenta dixital PICTerra, un buscador que reúne información sobre estruturas, grupos de investigación, servizos de I+D e teses. Desenvolveranse xornadas específicas por cada liña de especialización e un ciclo de talleres orientados aos retos das industrias tractoras para fomentar a colaboración entre universidade e empresa. Farase especial fincapé na protección e valorización dos resultados de I+D mediante a propiedade industrial e intelectual, e crearase o Roteiro Terra de Emprendemento–Terra Emprende para apoiar o proceso desde a identificación de resultados transferibles ata a súa aplicación práctica.
Finalmente, na área de información pública e transparencia reforzarase a comunicación interna e externa do Campus Terra, impulsarase a marca Lugo Cidade Universitaria e garantirase o acceso á información relevante para a cidadanía. Mellorarase a presenza nas redes sociais, actualizarase a páxina web e deseñarase unha estratexia para promover o atractivo de Lugo como cidade universitaria. Tamén se desenvolverán iniciativas en materia de igualdade, como o recoñecemento institucional a servizos e asociacións que traballen neste ámbito e o impulso de traballos de fin de grao e mestrado con perspectiva de xénero.