O Campus Terra da USC de Lugo achegará solucións innovadoras ao sector vitivinícola

LugoXa
Neste contexto, xorde o proxecto PRERIVID, que involucra a profesionais da viticultura, tecnoloxía e investigación
Uvas-Sen-Vendimar
16 Nov 2024

O Campus Terra da USC de Lugo achegará solucións innovadoras ao sector vitivinícola mediante o desenvolvemento dunha ferramenta de rega de precisión que integre datos “a pé de parcela” a través do grupo operativo PRERIVID, do que é coordinador técnico.

Actualmente, existen diversas ferramentas para a programación da rega, pero todas presentan limitacións: ou ben non teñen en conta todos os parámetros relevantes para estimar as necesidades de auga; ou ben utilizan datos “media”, que non reflicten a situación real de viñedos con necesidades de rega.

Neste contexto, xorde o proxecto PRERIVID, que involucra a profesionais da viticultura, tecnoloxía e investigación. O grupo operativo do que forma parte a USC traballará ao longo de catro anos cunha subvención de máis de medio millón de euros, cofinanciados nun 80 % por fondos FEADER.

“España é o primeiro país do mundo en canto a extensión de viñedo, con 955.000 hectáreas que supoñen o 28,9 % da superficie na Unión Europea e o 13 % do total mundial”, lembra o profesor da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo, Javier Cancela. A actividade vitivinícola no Estado supón o 2,2 % do PIB, “polo que é un sector de extraordinaria relevancia”.

O cambio climático supón unha gran ameaza para o sector e expón numerosos retos. O desprazamento das estacións, os fenómenos extremos, o aumento das temperaturas, e a diminución de precipitacións poñen en risco a produción da vide: danan os cultivos, alteran a data de maduración da uva, e, sobre todo, limitan a dispoñibilidade da auga.

Actualmente, dous terzos da superficie española atópase en risco de desertificación, existindo terras cultivadas que xa presentan problemas, e algúns estudos estiman unha redución do 20 % de precipitacións anuais totais actuais para 2100.

Para o profesor Cancela, “o reto de xestionar de forma eficiente uns recursos hídricos cada vez máis escasos esixe estimar as necesidades de auga do viñedo con precisión”.

Neste senso, o obxectivo do proxecto é desenvolver unha ferramenta de xestión de rega de precisión que integre datos medidos a “pé de parcela” relacionados coa planta, o solo, e a meteoroloxía xunto coa climatoloxía global e as necesidades de rega ao longo de todo o ano, así como datos sobre prácticas agrarias cun impacto no consumo da auga.

Deste xeito, PRERIVID contribuirá a crear unha viticultura máis sostible e mellorará a competitividade do sector nun contexto de escaseza de auga, xa que prevé un aforro de entre o 15 e o 20 % dos recursos hídricos.

0.20068097114563