O Campus Terra, distinguido Campus de Especialización da USC
O Campus Terra vén de ser distinguido como Campus de Especialización, “un recoñecemento ao bo traballo xa desenvolvido e implica un novo impulso para traballar cara a un futuro mellor, no que temos por diante importantes retos”, manifestou o reitor da USC, Antonio López, no concorrido acto institucional desenvolvido na Casa do Saber de Lugo.
Neste marco, o que o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, presente no acto, salientou que “a especialización dos campus universitarios non centrais dan conta do seu nivel de excelencia e contribúen a garantir a transferencia de coñecemento á sociedade da súa contorna”.
Os agradecementos aos responsables universitarios que fixeron posible que o Campus Terra da USC acadara a condición de Campus de Especialización e á propia Administración autonómica por abrir a vía da especialización para que as sedes universitarias non centrais definan unha oferta docente e de I+D+i con niveis de excelencia, centraron o comezo da intervención de Antonio López.
Así, logo de lembrar os distintos procesos que deron lugar a actual configuración da sede universitaria, “unha realidade que non sería posible sen o incondicional apoio recibido da Deputación Provincial de Lugo e do Concello de Lugo”, precisou, Antonio López apuntou o proxecto de Campus Terra como unha nova oportunidade para traballar a prol dun futuro aínda máis ilusionante”.
A comisión encargada da avaliación da candidatura do Campus Terra a distinción de Campus de Especialización acordou outorgar a máxima cualificación á sede universitaria luguesa, logo de comprobar o elevado grao de calidade da súa oferta docente e da súa investigación e tras salientar o potencial de infraestruturas científicas tecnolóxicas, tales como a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA), Instituto e Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader), Hospital Veterinario Universitario Rof Codina ou a Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (Pemade).
Os obxectivos do Campus de Especialización do Campus Terra son moi ambicioso, afirmou o reitor Antonio López, antes de enumerar o aumento na captación de alumnado para os títulos de grao e mestrado e o incremento do número de publicacións científicas e de teses de doutoramento, mellora da oferta docente ou a estabilización de persoal investigador predoc e postdoc como novos retos para o Campus Terra.
“A dificultade é moi alta, pero podemos dicir que avanzamos na boa liña, tal e como o proba o feito de que alumando de novo ingreso do Campus Terra medrou preto dun 40% nos últimos anos, nos que tamén se reforzou a sede universitaria luguesa co 27% das máis de 200 prazas de profesorado axudante doutor creado na USC”, dixo.
A fonda pegada universitaria da cidade de Lugo foi tamén un dos aspectos postos en valor tanto pola alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez, para quen “Lugo non se concibe sen o seu campus universitario, que achega valor e riqueza para os veciños e veciñas, ademais de para os tecido produtivo e económico da contorna”, como polo propio Alfonso Rueda.
A Deputación, clave da acreditación
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asistiu tamén a este acto, onde destacou “o apoio continuado da Deputación de Lugo contribuíu decisivamente para que o Campus Terra lograse esta acreditación. A institución foi clave para a creación dun campus propio para a provincia e esa colaboración mantívose ao longo do tempo”, destacou Tomé Roca.
O mandatario provincial lembrou que ademais da achega anual á USC por importe de 370.500 euros a través dun convenio de colaboración, a institución provincial comparte proxectos e iniciativas coa Universidade como, por exemplo, o da Granxa Experimental de Leite na finca provincial Gayoso Castro, ademais da cesión gratuíta dos terreos necesarios para construír a nova Facultade de Formación do Profesorado.
José Tomé incidiu en que “a nosa colaboración coa Universidade é total e para nós é unha tremenda alegría que ese esforzo se vexa recompensado con esta acreditación que vai permitir que o campus siga medrando nun sector tan importante para a provincia como é o primario. Hoxe é un día excelente para Lugo, para a provincia e tamén para a Universidade e o Campus Terra”.
Destacou o Presidente que o desenvolvemento do Campus Terra está moi relacionado co desenvolvemento da economía da provincia, “porque as titulacións vencelladas co agro, a gandaría, o forestal ou veterinaria polas que destaca o campus de Lugo afectan ao sector primario, que é o principal na nosa provincia”.
Tamén valorou Tomé Roca que a revista Forbes colocase recentemente á Universidade de Santiago de Compostela como a primeira entre as 25 máis importantes de España pola súa extraordinaria labor docente e investigadora.
A acreditación do Campus Terra como un campus de especialización chega logo do traballo da USC en Lugo para converterse nun referente científico e social nos ámbitos de coñecemento vinculados á sustentabilidade económica, social e medioambiental do uso da terra, poñendo en valor as capacidades existentes e xerando outras novas para contribuír á construción dun novo modelo de crecemento intelixente, sostible e integrador.