O Campus Terra gradúa a unha nova xeración de veterinarios

LugoXa
A Deputación e o Concello de Lugo felicitan aos novos graduados en Veterinaria do Campus Terra nun emotivo acto na universidade
graduaicon veterinaria
9 Xul 2022

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, asistiu esta mañá ao acto de Graduación da Facultade de Veterinaria da promoción 2017-2022, que tivo lugar no auditorio Enrique González.

Un acto moi emotivo, que abriu o Vicerreitor de Organización Académica do Campus, Francisco José Fraga e no que a rexedora aproveitou para dar os parabéns aos familiares dos graduados e graduadas destacando “o caracter vocacional da profesión de veterinario” e animou aos estudantes a “avanzar na profesionalización deste sector, piar do tecido socioeconómico da provincia e do concello de Lugo” apuntaba.

A Deputación, coa Universidade

O Deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, participou este sábado no acto de graduación dos alumnos e alumnas do Grao en Veterinaria do Campus de Lugo, celebrado no auditorio Enrique González da Facultade.

Fernández Rico felicitou ao estudantado por todo o esforzo e traballo realizado, tamén fixo un recoñecemento ás familias polo seu acompañamento e apoio, e ao profesorado pola calidade e o seu compromiso docente. “Cada un dos alumnos ten motivos persoais dabondo para sentirse satisfeito do traballo feito nestes últimos anos, pero penso que este é tamén un éxito colectivo, dunha Facultade de prestixio internacional e dun modelo de Universidade pública recoñecido pola súa excelencia docente e investigadora”, indicou.

O Deputado lembrou que o Campus Terra vén de ser recoñecido como Campus Especializado, o segundo de toda Galicia, nas áreas estratéxicas de agricultura, gandería e sector forestal sostible. “Este é tamén un logro e un éxito de toda a comunidade universitaria, porque o traballo dos alumnos e dos profesores contribuíu a facelo posible”, recalcou, ademais de subliñar o importante papel da universidade pública, porque “é de todos e todas, para que ninguén quede excluído da formación superior pola súa orixe ou polos seus ingresos económicos”.

Polo tanto, unha universidade, asegurou, “que non nace dun desexo de rendibilidade económica, senón que aposta polo compromiso con Galicia e pola formación dosgalegos e as galegas, e que retorna á sociedade, en forma de transferencia de coñecemento, máis riqueza da que recibe dos fondos públicos do seu orzamento”.

Roberto Fernández Rico animou ao alumnado a que, con independencia de onde desenvolva o seu traballo, se siga “formando, coñecendo o que pasa na empresa e ao día do que fai a investigación” porque esa “combinación de ensino de vangarda, de investigación de primeiro nivel, e de diálogo para coñecer as necesidades reais das empresas é a fórmula que ten convertido ao sector agrogandeiro da provincia de Lugo nun referente, e son, tamén, os sinais de identidade desta gran Facultade de Veterinaria”.

0.2275447845459