O Campus Terra premia tres proxectos innovadores de Lugo no programa Explorer

O Campus Terra deu a coñecer os proxectos gañadores da edición 2025 do premio Explorer, unha iniciativa impulsada polo equipo da USC Lugo Space coa colaboración da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, representada no xurado pola súa directora territorial en Lugo, Carmen José López.
O primeiro premio recaeu en “Mundo Mullu”, un proxecto liderado por María Fernández Alonso, Teo Espinoza García, Alejandro Morquecho Ortiz e Bruno Leonel Ramirez Valderrama, baseado na creación de peluches terapéuticos inspirados en animais en perigo de extinción. Estes produtos combinan propiedades térmicas calmantes e buscan favorecer o desenvolvemento motor e sensorial da cativada, ao tempo que promoven a conciencia ambiental.
O segundo posto foi para “Yita Patiño”, unha proposta de Estrella Patiño centrada na reciclaxe de teas e roupas en desuso para a creación de complementos exclusivos e atemporais baixo a filosofía do slow fashion e o modelo upcycling.
O terceiro premio recoñeceu a “VISUVAC”, un proxecto de Luis Beltrán Gamero que desenvolve Smart Vac, un dispositivo baseado na espectroscopía de infravermello próximo para detectar enfermidades metabólicas que afectan ao rendemento das explotacións de vacún leiteiro.
A Xunta de Galicia colabora activamente no desenvolvemento do programa Santander X Explorer en Galicia, cuxo obxectivo é facilitar a transferencia de coñecemento universitario cara ao tecido emprendedor.
Promovido polo Banco Santander, o programa conta coa participación de máis de 300 universidades de 12 países. O equipo USC Lugo Space destacou recentemente a nivel internacional, ao obter o terceiro posto global e o primeiro entre os centros españois na edición inaugural de 2025.
O xurado estivo formado por Mª Elvira López Mosquera, delegada do reitor para o Campus Terra da USC; Carmen José López, directora territorial da Consellería de Emprego; José Luis Villaverde, director de #SomosAVTE da USC; Norman Javier Veiga Álvarez, responsable de Emprendemento do Concello de Lugo; e Icía Rodríguez Anllo, project manager na Lug Open Factory.