O candidato popular de Monterroso presenta as súas propostas no ámbito deportivo

LugoXa
Eloy Pérez presenta as propostas do proxecto popular no ámbito deportivo os representantes das entidades de Monterroso
REUNION PP MONTERROSO PROPOSTAS DEPORTIVAS
24 Abr 2023

O candidato do PP á alcaldía de Monterroso, Eloy Pérez, está a intercambiar impresións cos veciños e colectivos mantendo distintos encontros e reunións para dar a coñecer aspectos do programa electoral co que o Partido Popular concorre ás eleccións municipais do vindeiro 28 de maio. Recentemente, nunha xuntanza con representantes de varias entidades deportivas do municipio deu a coñecer algunha das súas propostas neste ámbito.

O candidato popular celebra que “Monterroso conte con equipos de fútbol en varias categorías” e aposta polo apoio á disciplina. Entre as iniciativas abordadas na xuntanza, sinalou “a modificación da normativa urbanística para facer posible a construción de novas gradas no campo de fútbol, a mellora dos aseos para o público e o estudo da reforma e ampliación do edificio no que están aloxados os aseos para o público e o ximnasio para os futbolistas”.

Pérez ten en conta tamén “a elevada demanda e o auxe do pádel en Monterroso” e explicou que “está en fase de estudo unha aplicación para xestionar todo o relativo á reserva das pistas dende o móbil”.

Outro deporte con gran demanda é o ciclismo e, neste caso, comprometeuse a ceder un local para as actividades do Club Ciclista San Miguel e dotar a Monterroso dun punto de limpeza para bicicletas.

No ámbito do automobilismo, Eloy Pérez pretende “continuar a apoiar a proba de Slalom en Monterroso e buscar a colaboración doutros Concellos e administracións para recuperar o Rally Comarca da Ulloa” porque “estas citas contribúen á dinamización social e económica do noso concello”.

Tendo en conta que “Monterroso contan con deportistas, pero no noso concello non hai instalacións para a práctica do motociclismo; o popular propón estudar a posibilidade de construír unha pista multifuncional na que poder adestrar e que tamén sirve como circuíto de karts”. Neste caso, explica que “situada preto da área recreativa da Peneda, complementaría e potenciaría a zona”.

PROMESAS CUMPRIDAS

Eloy Pérez defende que “o PP cumpriu o prometido no programa electoral do 2019 no ámbito deportivo”. É o caso da construción da terceira pista de pádel e a dotación de aseos, duchas e instalación eléctrica. E no campo de fútbol, “rexenerouse o céspede e melloráronse os vestiarios e a cafetería”.

0.1380250453949