O canil de Frigsa reabre parcialmente tras as recomendacións técnicas dunha inspección

O Concello de Lugo informou de que o canil de Frigsa xa se atopa en funcionamento, aínda que contará cunha zona acoutada por motivos de seguridade, seguindo as recomendacións técnicas derivadas dunha recente inspección.
O Servizo municipal de Medio Ambiente, a través de Parques e Xardíns, en coordinación co Servizo de Enxeñería, encargou con carácter urxente unha visita de avaliación técnica realizada o pasado 26 de febreiro por persoal especializado dunha empresa do sector. O informe, remitido ao Concello o 12 de marzo, recomendou delimitar unha área concreta do recinto e permitir a reapertura do resto do espazo en condicións de uso seguro.
Deste xeito, procedeuse á sinalización da zona afectada e á reapertura parcial do canil, que xa pode ser utilizado pola cidadanía na parte habilitada, que supón máis do 90 % da superficie total.
O informe técnico tamén suxire a conveniencia de realizar unha prospección xeotécnica complementaria para concretar con maior detalle o alcance da incidencia detectada e definir as solucións máis axeitadas.
Dende o Concello sublíñase que a actuación desenvolveuse con axilidade e seguindo criterios técnicos, co obxectivo de compatibilizar o uso do espazo coa máxima garantía de seguridade, ao tempo que se continúa avanzando na avaliación completa da zona.
O canil, pechado en febreiro debido ás reformas iniciadas para subsanar danos provocados polas sucesivas borrascas, supón un espazo moi apreciado polos donos de cans e as súas mascotas, cunha recente reforma realizada hai un ano e medio cun investimento de 96.000 euros.