O Carril das Flores, en Lugo, aumentará o espazo peonil cunha nova plataforma única

LugoXa
A solución plantexada pola área de Mobilidade e Infraestruturas nesta vía consiste en aumentar o espazo de preferencia peonil, e mellorar a zona da escaleira.
Carril Flores
22 Xuño 2022

O tenente alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, xunto co concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas visitaron o Carril das Flores, onde o Goberno local está a executar unha serie de traballos destinados a aumentar o espazo peonil, coa creación dunha nova plataforma única.

Arroxo explicou que “continuamos a traballar na mellora da entrada a Lugo a través do Camiño Primitivo”, e engadiu “nos últimos meses realizamos unha serie de intervencións na zona de Castelo, na entrada ao Concello de Lugo desde o Camiño, e continuamos agora mellorando a imaxe da entrada á cidade”.

A área de Mobilidade está a construír unha nova plataforma única, que ampliará o espazo peonil mentres se garante aos vehículos o acceso aos garaxes. Ademais, renovaranse os muros da escalinata e renovarase a varanda, creando unha pequena zona verde. A actuación no seu conxunto mellorará a percepción visual desta zona da cidade, creando unha imaxe máis amable.

O Goberno de Lugo inviste 83.248€ nesta actuación, que permitirá continuar a avanzar na entrada a Lugo desde o Camiño Primitivo. Arroxo lembrou que “a imaxe de Lugo Km 100 colocada na praza do Camiño Primitivo está a converterse noutro dos atractivos da cidade, e con esta actuación facemos que o percorrido desde a entrada ao concello ata a estatua se realice de xeito seguro e dando ás e aos visitantes unha boa imaxe da cidade”.

0.18785691261292