O cartel do San Froilán será creado cada ano por unha ilustradora lucense profesional

LugoXa
O Concello colabora coa AGPI para impulsar a profesionalización das festas e manterá o concurso infantil para o San Froilán Miúdo
Concello-de-Lugo-e-Asociación-Gallega-de-Profesionales-de-la-Ilustración
12 Aug 2025

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, reuniuse coa directiva da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) para poñer en marcha unha nova colaboración que permitirá que o cartel das festas do San Froilán sexa elaborado cada ano por unha profesional lucense da ilustración.

Ferreiro destacou que esta medida busca continuar coa profesionalización das festas máis emblemáticas de Lugo e subliñou que, con este cambio, se quere dar protagonismo ao talento local. “Moitas celebracións que seguían o modelo de concurso están a verse obrigadas a modificar os carteis debido ao uso de ferramentas como a intelixencia artificial. Nós queremos apostar polas profesionais da ilustración de Lugo, ofrecéndolles a oportunidade de dar a súa propia visión das nosas festas”, explicou.

A edil confirmou que a Tenencia de Alcaldía manterá o concurso infantil de debuxo para elixir o cartel do San Froilán Miúdo, animando á participación da rapazada. “Agardamos que moitas das nenas e nenos que concursan continúen no futuro vinculados ao deseño de forma profesional”, indicou.

As bases do certame infantil publicaranse nos próximos días. A persoa gañadora recibirá material de pintura e debuxo valorado en 300 euros. “Cada ano sorpréndenos a alta calidade das propostas presentadas polas rapazas e rapaces”, engadiu Ferreiro.

⚙ Configurar cookies
0.20752120018005