O Castelo de Doiras foi aberto ao público nun acto multitudinario

LugoXa
“A apertura ao público do Castelo de Doiras non é só a posta en valor dun monumento senlleiro, é un acto de xustiza coa nosa historia", dixo José Tomé
Castelo-de-Doiras-Cervantes
31 Mar 2025

O Castelo de Doiras, unha das xoias arquitectónicas da provincia de Lugo, foi aberto ao público nun acto multitudinario que tivo lugar no patio interior da fortaleza.

A construción, situada na parroquia cervantega de Vilarello e declarada Ben de Interese Cultural (BIC) en 1994, foi recentemente adquirida polo Concello grazas a unha achega de 900.000 euros da Deputación de Lugo.

O presidente da Deputación, José Tomé Roca, subliñou a importancia deste fito: “A apertura ao público do Castelo de Doiras non é só a posta en valor dun monumento senlleiro, é un acto de xustiza coa nosa historia, coa nosa identidade e co noso futuro”. O mandatario provincial destacou que o patrimonio non debe ser visto como unha lembranza estática do pasado, senón como un recurso vivo, capaz de xerar oportunidades e de fortalecer o arraigo na comarca.

O castelo, tamén coñecido como Castelo da Ferreiría, terá a misión de ser “embaixador da inmensa riqueza cultural e paisaxística dos Ancares”. Tomé Roca destacou que “desde a Deputación de Lugo temos claro que a protección e dinamización do noso legado histórico é unha responsabilidade colectiva” e puxo en valor a colaboración entre administracións para recuperar esta fortaleza medieval.

O presidente da Deputación felicitou ao alcalde de Cervantes, Benigno Gómez, e ao seu equipo polo impulso do proxecto, resaltando que a recuperación do castelo non só permite rescatar unha xoia arquitectónica do século XV, senón que reforza a identidade cultural da comarca e xera novas oportunidades para o desenvolvemento sostible da zona.

Con esta incorporación, Lugo suma xa oito castelos e fortalezas visitables, entre os que destacan o Castelo de Pambre, o de Alfoz, San Damián de Ribadeo, San Paio de Narla, o Pazo de Tovar en Lourenzá, a Torre dos Andrade en Vilalba e a Torre da Homenaxe en Monforte. “A nosa provincia é un inmenso museo ao aire libre”, afirmou Tomé Roca.

O acto de apertura do Castelo de Doiras enmárcase na aposta da Deputación polo turismo de experiencias. Segundo Tomé Roca, “desde a Deputación cremos firmemente que a recuperación do noso patrimonio non é un gasto, senón un investimento na nosa memoria colectiva, no noso atractivo turístico e no futuro da nosa provincia”. A protección do patrimonio, asegurou, “non é unha cuestión de nostalxia, senón de intelixencia”.

Pola súa banda, o alcalde de Cervantes, Benigno Gómez, expresou o seu orgullo por poder ser o rexedor que puxera a disposición dos veciños e veciñas de Cervantes un monumento tan representativo da súa historia. A recuperación do Castelo de Doiras marca un novo comezo para esta fortaleza, converténdose nun espazo de referencia cultural e turística para a comarca dos Ancares.

⚙ Configurar cookies
0.15628099441528