O Castelo de Pambre acolle o seminario do Proxecto Lugares

LugoXa
O Castelo de Pambre acolle o seminario do Proxecto Lugares unha niciativa de pensamento, aprendizaxe e intervención no Camiño de Santiago
Semianrio Palas de Rei proxecto Lugares
18 Abr 2023

O Castelo de Pambre, acolle este martes 18 e mércores 19 de abril o Proxecto Lugares, unha iniciativa coa intención de poñer en valor e transformar, dun xeito sostible, o espazo público dun dos itinerarios máis transitados no mundo: o Camiño de Santiago.

O proxecto, enmarcado no cumprimento do Pacto Verde Europeo tanto polo seu debate central como polas súas solucións paisaxísticas e arquitectónicas para o territorio, e que terá presente tanto á veciñanza dos lugares coma ás persoas peregrinas, levarase a cabo nas comarcas de Ulloa e Valdeorras esta primavera.

O Proxecto Lugares é unha iniciativa de pensamento contemporáneo, aprendizaxe e intervención na paisaxe desde unha mirada transdisciplinar que agroma no contexto do Camiño de Santiago, coa intención de perdurar até o vindeiro Ano Santo 2027.

O programa está conformado por catro procesos de traballo, dos cales o primeiro deles é a mediación, que se están a desenvolver desde o mes de febreiro tanto en Palas de Rei coma en Valdeorras, a través de conversas ou entrevistas, coa intención de identificar, desde a proximidade, lugares, materiais e valores no territorio do Camiño.

O segundo dos procesos é a celebración dun seminario ou xornadas públicas de debate que terán lugar os días 18 e 19 de abril no Castelo de Pambre, en Palas de Rei, xunto ao Camiño Primitivo.

Neste espazo de encontro, numerosas profesionais vinculadas á arquitectura da paisaxe, comunicación, deseño, artesanía e pensamento porán sobre a mesa experiencias de intervencións sostibles; abordarán cuestións como a hospitalidade ou o deseño de lugares contemporáneos no Camiño; as posibilidades de transformación do territorio a través das ruta xacobea, así como o coidado e a beleza na mesma; exemplos de boas prácticas de arquitectura, do paisaxismo, do deseño ou da artesanía; ou como pensar a paisaxe desde unha perspectiva sostible e contemporánea, entre outros aspectos.

O seminario reunirá no Castelo de Pambre a figuras recoñecidas de ámbito galego e estatal, como as arquitectas Ana Amado, Izaskun Chinchilla, Maé Durant, María Fandiño -Premio Nacional 2022-, Carlos Pita ou Carlos Seoane, entre outras; as artesás Verónica Moar, Julia de la Cal, Inés Rir e Santiago Besteiro; a deseñadora Uqui Permui ou as comunicadoras Anatxu Zabalbeascoa e Ariadna Cantis. Tamén, participarán persoas expertas vinculadas ao mundo da paisaxe, como Amparo Maroño, Paola Sangalli e Pedro Calaza, ou investigadoras do espazo rural, coma a artista Estella Julian, ou o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade.

Para máis información sobre o Proxecto Lugares, pódese visitar o espazo web.

Proxecto Lugares Palas
0.14429497718811