O Castelo de Pambre acollerá a celebración do Día das Letras Galegas 2025 cun acto literario e musical

LugoXa
A filóloga Andrea Santiso será a encargada de impartir un relatorio centrado na figura e relevancia das cantareiras
Castelo de pambre
15 May 2025

Este sábado, 17 de maio, ás 12:00 horas, o Castelo de Pambre converterase no epicentro da celebración do Día das Letras Galegas 2025 da man do Instituto de Estudos Ulloáns (IEU), en colaboración co Concello de Palas de Rei.

O acto, organizado pola Sección de Literatura e Toponimia do IEU e coordinado por Fernando García Penas e Andrea Santiso, renderá homenaxe ás cantareiras, protagonistas este ano da festividade dedicada á lingua e á cultura galega.

A filóloga Andrea Santiso será a encargada de impartir un relatorio centrado na figura e relevancia das cantareiras dentro do patrimonio musical e oral de Galicia.

A xornada contará tamén cun recitado poético no que participarán os poetas Fernando García Penas, Xosé de Cea, Antom Laia, Xosé Luis Otero Cebral e Xosé Luis Santiso, poñendo voz e emoción ás palabras que definen o espírito da celebración.

O evento completarase coa actuación das Pandereteiras de Fiadeira, que porán a nota musical a unha mañá pensada para honrar a tradición, a poesía e a música de raíz, nun espazo tan emblemático como o castelo de Pambre.

⚙ Configurar cookies
0.15425300598145