O Castro conquista en Pontevedra a súa primeira Copa Galicia

LugoXa | TerraChaXa
O conxunto lucense impúxose ao Poio Pescamar por 2-3 nunha final intensa decidida nos minutos finais
FSF-Castro-feminino-Copa-Galicia-feminina
2 Apr 2026

O FSF Castro Bloques Cando fixo historia en Pontevedra ao proclamarse campión da Copa Galicia de fútbol sala feminino por primeira vez, tras superar na final ao Poio Pescamar FS por 2-3 nun encontro disputado no Pavillón Municipal da cidade.

O partido comezou con intensidade e axiña se moveu o marcador, xa que Élia adiantou ao conxunto pontevedrés aos cinco minutos de xogo. A resposta do Castro non tardou en chegar e Patricia Ortega logrou o empate antes do descanso, deixando todo aberto para a segunda metade.

Tras o paso polos vestiarios, o equipo lucense levou o peso do encontro e mostrouse superior sobre a pista. A propia Patricia Ortega estivo a piques de facer o 1-2 a falta de once minutos, nunha acción individual que evidenciou o bo momento do seu equipo. Pouco despois, a nove minutos do final, o cadro pontevedrés cometía a súa cuarta falta.

O segundo tanto do Castro chegou a 7.48 do remate, cando Antía Pérez puxo un balón ao segundo pau que Luana empurrou ao fondo da rede. A cinco minutos do final, o Poio apostou polo xogo de cinco con porteira-xogadora, unha estratexia que non deu resultado, xa que a 3.33 Antía Pérez aproveitou un roubo para marcar desde case o seu campo a porta baleira, situando o 1-3.

O empuxe ofensivo do Poio tivo recompensa a 2.47 do final, cando Ale de Paz anotou o 2-3, reactivando a emoción no tramo final. O Castro mantivo a presión alta pese ao xogo de cinco do rival, que incluso estivo a piques de empatar cun disparo ao pau de Ale de Paz.

0.11874103546143