O Castro de Viladonga celebra a Noite dos Museos cunha tarde chea de cultura e tradición

LugoXa | TerraChaXa
A música será tamén protagonista coa actuación, ás 19:00 horas, de Branca Villares e as cantareiras no seu proxecto consoante
noite-dos-museos-castro-de-viladonga
4 May 2025

O vindeiro sábado, 10 de maio, o Museo do Castro de Viladonga únese á celebración da Noite dos Museos cun programa repleto de actividades pensadas para todos os públicos. A xornada comezará ás 17:00 horas con xogos tradicionais da man de Xotramu, seguidos ás 18:00 horas polo espectáculo Rekalde do grupo A Casa da Troula, que promete encher de cor e alegría o recinto.

A música será tamén protagonista coa actuación, ás 19:00 horas, de Branca Villares e as cantareiras no seu proxecto consoante, unha proposta que combina sonoridades tradicionais cunha visión contemporánea da música galega. Para poñer o broche de ouro á celebración, ás 20:30 horas ofreceranse petiscos, bebidas e queimada, mantendo viva a tradición e o bo ambiente ata o final da noite.

A actividade está organizada polo Museo do Castro de Viladonga, coa colaboración da Asociación de Amigos do Museo e o Concello de Castro de Rei. A entrada é libre e está dirixida a todo tipo de público, converténdose nunha excelente ocasión para descubrir ou redescubrir o museo nunha das súas noites máis especiais.

⚙ Configurar cookies
0.18068695068359