O Castro de Viladonga celebra o mes de decembro con actividades desde este martes

O Museo do Castro de Viladonga e o Conxunto Etnográfico das Pallozas do Cebreiro presentan a programación do Nadal Cultural, unha proposta que reúne actividades teatrais, contacontos, maxia e obradoiros dirixidos ao público infantil e ás escolas da contorna.
En Viladonga, as celebracións arrancarán o día 9 coa obra A miña tataravoa Maruxa, interpretada por Noemí Blanco e Alba Nogueira, da compañía Barafunda. O día 10 será a quenda da maxia co espectáculo Sorrisos máxicos, protagonizado polo mago Paco.
A programación continuará o día 11 con O apalpador e a nena sen medo, unha historia narrada por Celtia Figueiras da Xanela do Maxín. O día 12 chegará Supercoroza. Na eira e na lareira, a cargo de Topo Vidal, tamén da Xanela do Maxín. O día 14 celebrarase un obradoiro familiar dedicado á creación de xoguetes e á práctica de xogos populares, impartido por Manolo García e Xotramu. O ciclo en Viladonga pecharase o día 15 coa representación de Carapuchiña vermella, posta en escena por Pedras de Cartón, da compañía Urdime.
A programación estenderase tamén ao Cebreiro, onde o día 21 terá lugar a actividade Troupelear no Cebreiro, conducida por Branca Villares, completando así unha oferta cultural que busca dinamizar o Nadal a través da tradición, o teatro e a creatividade.