O Caudal Fest arranca este xoves cunha actuación no Coliving

LugoXa
Así mesmo, o sábado os DJs Galician Army actuarán nas Caldas do Miño, a partir das 15:00 horas, nun espectáculo que tamén contará con entrada libre
actuacion-concerto-festival-caudal-fest
17 sep 2024

A sexta edición do Caudal Fest, a última gran festa do verán galego, arrincará este xoves coa actuación da banda lucense Virtua Tennis no Coliving Artístico do Carme. O concerto, totalmente de balde, servirá para promover este novo equipamento municipal. “O Coliving e o espazo exterior co que conta ao seu arredor configurano como un escenario fabuloso para celebrar espectáculos ao aire libre, achegando a música ao centro da cidade e axudando a revitalizar unha zona tan emblemática como a deste barrio”, subliñou a alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos.

A partir das 19:00 horas, o grupo ofrecerá un directo neste recentemente inaugurado espazo cultural no que mostrarán a súa gran aposta musical, na que combinan os ritmos rotos, con cadencias hip-hop e unha base instrumental na que se mesturan as guitarras e os sintetizadores. Así mesmo, o sábado, ás 15:00 horas, o dúo de DJs lucense Galician Army actuarán nas Caldas do Miño, situadas nas inmediacións do recinto do festival, nun espectáculo que tamén contará con entrada libre.

Con estas dúas actuacións, o Goberno Local pretende incrementar o aproveitamento destes equipamentos municipais e que o festival contribúa, así, a dinamizar o conxunto da contorna fluvial. Segundo a alcaldesa, estas sesións poñen de manifesto, igualmente, a versatilidade de ambas as dúas instalacións para albergar actividades e eventos multidisciplinares.

“O obxectivo é divulgar a existencia de todos os recursos municipais e enchelos de vida aproveitando as datas do Caudal, ofertando unha programación lúdica de interese para a poboación pero tamén propiciando, á súa vez, a dinamización económica do municipio”, sinalou Alvarellos.

O Caudal en cifras

O Caudal Fest 2024, unha cita xa consolidada no noroeste peninsular, terá lugar a vindeira fin de semana. A edición deste ano contará con artistas de renome como Amaral, Mikel Izal, Viva Suecia, Arde Bogotá, entre outros.

Na edición anterior, o Caudal Fest chegou a reunir a 37.567 persoas en Lugo, xerando un retorno económico de 7,3 millóns de euros para o municipio e creando máis de 350 empregos directos e 2.000 indirectos. Estas cifras reforzan a aposta do Gobermo local pola industria cultural como un elemento dinamizador da economía da cidade.

Nesta edición de Caudal Fest, a programación amplíase e chegará a máis recunchos de Lugo.

0.07437801361084