O Caudal Fest contará con servizo de bus gratuíto desde o centro cada 15 minutos
O Concello de Lugo facilitará autobuses gratuitos cada 15 minutos dende o centro da cidade ata o recinto do Caudal Fest, situado na contorna fluvial do río Miño, tanto de ida como de volta, para que os asistentes acudan de forma máis cómoda e segura, como ben sendo habitual dende a primeira edición, durante os dous días de festival.
Así o avanzou o concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, quen explicou que os buses lanzadeira sairán dende a Praza de Bretaña en ambas xornadas: o venres 15 e o sábado 16, con saídas continuas desde ás 16:30 horas ata as 04:00 horas da madrugada.
O percorrido de ida é o seguinte: Praza de Bretaña, pasando por Ramón Ferreiro, Avenida de Madrid e N-VI, ata o festival; e o de regreso; Volta da Viña, rúa Santiago, rúa Vilalba, Ramón Ferreiro e Praza de Bretaña. Tamén haberá unha zona reservada para taxis, que estará ao lado da parada do autobús. Ambas as dúas estarán acotadas para garantir a fluidez.
“Esta medida obedece á vontade do Executivo local de facilitar os desprazamentos cunha alternativa de mobilidade que, alén de sostible, redunde na mellora da seguridade viaria da cidade ao posibilitar que as persoas asistentes non teñan que depender de vehículos particulares para baixar ao recinto nin buscar aparcamento”, indicou Repetto.
#AúltimaGranFestaDoVerán contará cun total de 20 bandas e artistas entre os que destacan grupos de ámbito nacional e internacional como Vetusta Morla, Leiva, Dani Fernández, Miss Cafeina, La La Love You, Natalia Lacunza, Belén Aguilera ou Sidonie. A de 2023 será a edición máis multitudinaria ata a data, pois xa se acadou unha cifra récord de venda de abonos, agardando a máis de 33.000 asistentes durante os dous días de concertos.
O Concello avanzou tamén a pasada semana o dispositivo de seguridade do Caudal Fest, o cal se verá incrementado ante a elevada previsión de participantes, de xeito que a Policía Local destinará catro indicativos en exclusiva ao evento, que se coordinaran cos dispositivos especiais de Tráfico e da Policía Nacional, que tamén reforzarán o s seus operativos respecto a pasadas edicións. Así mesmo, ademais da importante mobilización por parte do Servizo de Protección Civil, o corpo de Bombeiros dedicará dúas dotacións en horario completo, a maiores do servicio ordinario, para atender calquera tipo de incidencia no recinto ou na súa contorna.
O Caudal Fest é unha das apostas da alcaldesa Lara Méndez para converter Lugo nun referente das citas musicais a nivel nacional. Unha cita que terá lugar este venres e sábado en Lugo, e que entra na recta final e ultima xa os derradeiros preparativos.