O Caudal Fest regresa a Lugo co apoio da Xunta, a Deputación e o Concello de Lugo

LugoXa
En contraste con este respaldo institucional, o BNG manifestou que non apoiará festivais con vinculación ao réxime israelí
Caudal-Fest-institucions
17 Sep 2025

A última gran cita musical do verán chega esta fin de semana a Lugo co respaldo da Xunta de Galicia, a Deputación e o Concello da cidade. Os Xardíns do Pazo de Feiras e Congresos acollerán o venres 19 e o sábado 20 de setembro a sétima edición do Caudal Fest, un evento consolidado como o terceiro festival máis grande de Galicia por asistencia de público e unha das referencias obrigatorias da música en directo no norte peninsular ao rematar o verán.

Entre os artistas destacados figuran Love of Lesbian, Dani Fernández, Melendi, Duncan Dhu, Alcalá Norte, Zahara, Vega, Carlos Ares e Carolina Durante, entre outros. O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, visitou esta mañá o recinto xunto ao delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, lembrando que o apoio institucional responde á filosofía da Xunta de fomentar grandes citas musicais que teñen un impacto económico, turístico e cultural sostible durante todo o ano.

O deputado provincial destacou que o Caudal Fest “é un auténtico motor económico para a provincia porque milleiros de provedores, hoteis ou casas rurais colaboran con este festival, o que dá conta da capacidade que ten para atraer visitantes. Estamos falando dunha cita que xera un impacto económico de 3 millóns de euros e que reúne a máis de 20.000 visitantes que poderán probar a nosa gastronomía e visitar o noso patrimonio”.

Pola súa banda, o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, subliñou que “no Concello de Lugo apostamos por esta iniciativa xa desde a primeira edición, no ano 2018, e a día de hoxe conseguiu consolidarse dentro do calendario nacional de festivais”. O rexedor local recalcou tamén que se trata dun evento para “poñer en valor a nosa cidade e a oportunidade perfecta para promocionar Lugo como referente turístico e cultural dentro e fora de España”.

En contraste con este respaldo institucional, o BNG manifestou que non apoiará festivais con vinculación ao réxime israelí, seguindo as iniciativas promovidas por BDS Galiza, que instan aos promotores a mostrar o seu desacordo co que a ONU recoñece como xenocidio en Gaza.

⚙ Configurar cookies
0.093946933746338