O Caudal Fest xa ten o cartel completo e suma dous grupos lucenses
O Caudal Fest xa ten completo o seu cartel para a edición deste 2023 coa incorporación de dez novos artistas, incluidos dous grupos lucenses, Berta Franklin e Galician Army co obxectivo de seguir promocionando os grupos locais nun evento que é xa todo un referente no panorama dos festivais nacionais de verán.
Ambas as dúas agrupacións foron presentadas xunto as outras oito novidades, que se suman á oferta musical que o Caudal Fest ofrecerá este ano na contorna do Miño os días 15 e 16 de setembro e que a sete meses da súa celebración xa conta con máis de 10.000 pases adquiridos cada día do festival.
Na primeira das xornadas do festival, actuarán Vetusta Morla, como cabezas de cartel; ademais de Dani Fernández, recentemente galardoado como Mellor Artista Masculino; o grupo madrileño definido como unha das primeiras sementes do indie rock pop nacional, Miss Cafeína, e La La Love You, unha das bandas novas en auxe dos últimos anos con centos de miles de fans en toda España. A este cartel súmanse agora Belén Aguilera e Serial Killerz, así como os coruñeses Escuchando Elefantes e Javi Chapela.
Leiva encabezará a xornada do sábado, na que tamén actuarán os cataláns Sidonie, clásicos do indie pop rock español cunha listaxe de grandes éxitos; Ojete Calor, coas súas letras cheas de humor; Yeico x Toni, un dos fenómenos musicais do ano entre as xeracións máis novas, así como as últimas confirmacións: Natalia Lacunza, Veintiuno, Jaguayano e Eva McBel, aos que acompañarán os lucenses Berta Franklin e The Galician Army.
As entradas poden adquirirse en www.caudalfest.es e a organización confirma que o vindeiro mércores 8 de febreiro se poñerán á venda as entradas diarias, ademais de continuar coa venda dos pases para os dous días.