O CB Breogán dedica o encontro de mañá á difusión da labor de Aliad Ultreia
O CB Breogán dedicará o encontro de mañá sábado ante o Obradoiro a visibilizar a labor da asociación lucense Aliad Ultreia.
No marco desta iniciativa, patrocinada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, o club celeste empregará os seus perfís en redes sociais para difundir os servizos e programas que desenvolve a entidade, centrada en tres eidos: a atención a persoas con trastornos aditivos, a atención a poboación reclusa e ex-reclusa e a atención a vítimas de violencias machistas, especialmente de trata e explotación sexual.
Na presentación, a presidenta de Aliad Ultreia e educadora social María Barba agradeceu “a oportunidade que este tipo de accións supoñen para promover o avance social e avanzar na garantia de dereitos para as persoas en situación de vulnerabilidade en calquera destes ámbitos”.
O deputado de Deportes Efrén Castro e o director xeral do CB Breogán Tito Díaz coincidiron en salientar “a dimensión social que este tipo de accións lle dan ao deporte”, lembrando que a colaboración entre a Vicepresidencia e o club “pretende ser, a través de accións coma estas, unha ferramenta útil para toda a sociedade”.
Ademais da participación en iniciativas de sensibilización e visibilización realizadas por entidades sociais coma este caso, o contrato de patrocinio entre a área de Deportes e o CB Breogán prevé diferentes accións do fomento do deporte e dos hábitos saudables con visitas a clubs e centros educativos e a promoción de recursos e espazos culturais, patrimoniais e ambientais das diferentes comarcas.