O CB Breogán dedica o partido do sábado á visibilización das enfermidades renais

LugoXa
Esta acción, que dá continuidade ás actividades de sensibilización que Alcer Lugo vén desenvolvendo desde o 'Día Mundial do Ril', destaca a importancia da prevención e do diagnóstico
Alcer-Lugo-CB-Breogán
19 Mar 2025

O CB Breogán celebrará o próximo sábado 22 de marzo un partido especial contra o UCAM Murcia co obxectivo de visibilizar e recoñecer a labor de Alcer Lugo, a entidade que agrupa ás persoas con enfermidades renais.

Esta acción, que dá continuidade ás actividades de sensibilización que Alcer Lugo vén desenvolvendo desde o 'Día Mundial do Ril', celebrado o pasado 13 de marzo, busca destacar a importancia da prevención e do diagnóstico precoz das enfermidades renais.

A presentación desta iniciativa contou coa presenza do vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro; o director xeral do CB Breogán, Salva Arco; a vicepresidenta de Alcer Lugo, Angélica Gómez; e a secretaria da entidade, María Jesús Díaz Freijo.

Esta subliñou que “a prevalencia das enfermidades dos riles aumentou nos últimos anos, afectando a un 15 por cento da poboación” e lembrou a importancia de realizar controis anuais para vixiar a saúde renal. Tamén alertou sobre os riscos da automedicación e do abuso de bebidas enerxéticas, que a longo prazo poden afectar á función renal.

Efrén Castro e Salva Arco destacaron a continuidade da colaboración entre o CB Breogán e Alcer Lugo, que se mantén desde 2019. Ambos resaltaron a importancia de aproveitar o altofalante que supón o deporte para concienciar á cidadanía sobre hábitos de vida saudables e a necesidade de realizar revisóns periódicas da saúde renal.

Dentro desta iniciativa, o CB Breogán difundirá a través das súas redes sociais a labor de Alcer Lugo, así como o lema do Día Mundial do Ril 2025: “Están ben os teus riles? Descúbreo a tempo, protexe a túa saúde renal”. Este lema reflicte a importancia da detección precoz destas enfermidades, unha mensaxe que é impulsada por colectivos sanitarios e de pacientes e familiares.

A acción forma parte do acordo de patrocinio entre a Vicepresidencia da Deputación de Lugo e o CB Breogán, que inclúe tamén a participación do club en iniciativas de sensibilización e visibilización organizadas por entidades sociais. Este patrocinio tamén apoya o fomento do deporte e dos hábitos saudables, con visitas a centros educativos e a promoción de recursos culturais, patrimoniais e ambientais.

⚙ Configurar cookies
0.76751708984375