O CB Breogán dedicará o partido deste domingo ante o Barça a visibilizar o labor de Afalu

LugoXa
A iniciativa, presentada pola Deputación de Lugo, o club celeste e a asociación, permitirá dar a coñecer os recursos de apoio ás persoas con Alzheimer e ás súas familias
Deputación-de-Lugo-Afalu
5 Mar 2026

O CB Breogán dedicará o encontro que disputará este domingo no Pazo dos Deportes ante o Barça, ás 12.15 horas, a dar visibilidade ao traballo que desenvolve a Asociación de Familiares e Enfermos de Alzheimer de Lugo (Afalu).

A iniciativa foi presentada esta mañá polo vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro; o director xeral do CB Breogán, Salva Arco; e a vicepresidenta de Afalu, Iria Franco. A acción enmárcase no contrato de patrocinio existente entre a Vicepresidencia da Deputación e o club lucense.

No marco desta colaboración, o CB Breogán difundirá a actividade da entidade nas súas redes sociais e tamén nos espazos promocionais do Pazo dos Deportes. O obxectivo é dar a coñecer a rede de servizos e recursos cos que conta Afalu para ofrecer acompañamento e apoio ás persoas que padecen estas enfermidades e ás súas familias.

Durante a presentación, Efrén Castro e Salva Arco puxeron en valor o labor que realiza a asociación e amosaron a súa satisfacción pola repercusión que poden ter estes espazos de difusión para a entidade lucense. Ademais, destacaron que a relevancia deportiva e a expectación xerada arredor deste primeiro derbi entre o Breogán e o Basquet Coruña favorecerán que a mensaxe chegue a un público máis amplo.

Pola súa banda, a vicepresidenta de Afalu, Iria Franco, animou á cidadanía a recorrer á asociación. Segundo explicou, a entidade conta cun equipo especializado e multidisciplinar preparado para apoiar tanto ás persoas enfermas como ás súas familias nas distintas etapas da enfermidade.

Esta iniciativa forma parte do acordo de patrocinio a través do cal a Vicepresidencia da Deputación de Lugo apoia ao CB Breogán. O convenio contempla tamén outras accións, como a participación do club en actividades de sensibilización impulsadas por entidades sociais, a promoción do deporte e dos hábitos saudables ou a difusión de recursos culturais, patrimoniais e ambientais do territorio.

0.11934304237366