O CB Breogán dedicará o partido do domingo á Asociación de Enfermidades Metabólicas Hereditarias de Galicia

O CB Breogán dedicará o seu próximo partido, que se celebrará o domingo 30 de marzo contra o Baskonia, á Asociación de Enfermidades Metabólicas Hereditarias de Galicia (ASFEGA), unha entidade sen ánimo de lucro que se centra en acompañar, informar e asesorar ás persoas afectadas por estas enfermidades, causadas por unha mutación xenética que altera a produción de proteínas.
O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, o director xeral do CB Breogán, Salva Arco, a secretaria de ASFEGA, María José Dopazo, e o seu vogal Iván Pena presentaron a iniciativa.
O obxectivo é visibilizar o colectivo e difundir os recursos que ofrece a asociación, tanto no Pazo dos Deportes como a través das redes sociais do club.
Durante o acto, Iván Pena explicou que unha das principais dificultades para as persoas afectadas por estas enfermidades é o control estrito da alimentación, xa que deben regular o seu consumo de proteínas, e en moitos casos, tamén outros nutrientes como os ácidos graxos ou as glucosas.
Neste sentido, unha das actividades principais de ASFEGA consiste en realizar compras conjuntas de alimentos dietéticos, para facilitar o acceso a produtos difíciles de atopar e moi caros. Ademais, a asociación organiza obradoiros e convivencias nos que se intercambian rutinas e hábitos relacionados coa alimentación para afrontar as dificultades diarias.
Pola súa parte, Efrén Castro e Salva Arco destacaron que "con esta colaboración sumamos unha nova asociación á rede de entidades que participan nestas iniciativas de sensibilización e apoio ao tecido asociativo do ámbito social a través do deporte".
Esta acción forma parte do acordo de patrocinio entre a Deputación de Lugo e o CB Breogán, que inclúe, entre outras accións, a participación do club en iniciativas de sensibilización e visibilización de entidades sociais, o fomento do deporte e dos hábitos saudables mediante visitas a centros educativos, e a posta en valor de recursos e espazos culturais, patrimoniais e ambientais.