O CB Breogán dedicará o partido do sábado á Protectora de Animais e Plantas de Lugo

LugoXa
Promoverase tanto a adopción como o acollemento dos animais que residen nas súa instalacións en Muxa
Breogán,-Deputación-e-Protectora-de-Lugo
5 Mar 2025

O CB Breogán dedicará o partido do próximo sábado contra o Morabanc Andorra a dar visibilidade ao traballo da Protectora de Animais e Plantas de Lugo, promovendo tanto a adopción como o acollemento dos animais que residen nas súa instalacións en Muxa, en Lugo.

A deputada de Cultura, Iria Castro, o director xeral do Breogán, Salva Arco, o presidente da Protectora, Alberto Losada, e a vicepresidenta, Elena Guinarte, presentaron a iniciativa, que implica a promoción da adopción e do acollemento a través das redes sociais do club e mediante os soportes publicitarios do Pazo durante o encontro.

O presidente da Protectora, Alberto Losada, subliñou que unha das súa principais metas é atopar un fogar a través da adopción ou do acollemento para "os animais que chegaron á Protectora sendo crías e que levan prácticamente toda a súa vida aquí".

En canto á actividade da Protectora, destacou que "cada vez recibimos máis avisos para recoller gatos, xa que aumentou considerablemente a concienciación sobre este tema" e detallou que "nos últimos anos, a Protectora recolleu unha media de 250 gatos anualmente".

Iria Castro e Salva Arco resaltaron "a relevancia do labor que desempeña a Protectora ao facerse cargo do coidado de animais abandonados" e fixeron un chamamento "a colaborar coa entidade e co benestar dos animais mediante a adopción ou o acollemento".

Esta iniciativa lévase a cabo no marco do convenio de patrocinio mediante o cal a Vicepresidencia da Deputación de Lugo respalda ao CB Breogán. Dito acordo inclúe, entre outras accións, a participación do club en actividades de concienciación e sensibilización promovidas por organizacións sociais, o fomento do deporte e os hábitos saudables con visitas a centros educativos, así como a posta en valor de recursos e espazos culturais, patrimoniais e medioambientais.

⚙ Configurar cookies
0.47027897834778