O CB Breogán lanza a Breogán Academy, un proxecto gratuíto e colaborativo para formar persoas e xogadores

O Club Baloncesto Breogán vén de presentar a Breogán Academy, un ambicioso proxecto que vai máis alá da formación deportiva tradicional e que se define como unha visión de futuro para toda a provincia.
A iniciativa, segundo explicou o director xeral do club, Salva Arco, nace como un espazo de crecemento baseado na formación integral, os valores e a comunidade, cun claro obxectivo: acompañar, sumar e colaborar, nunca substituír. “Recoñecemos o inmenso traballo dos clubs da provincia. Este proxecto non sería posible sen eles”, afirmou Arco durante a presentación.
A estrutura da Breogán Academy estará conformada por un equipo de profesionais de primeiro nivel, entre os que destacan Erik Quintela como director técnico, Luis Abel Taboada á fronte da área de psicoloxía, Tito Díaz na dirección deportiva e Daniel Illán como representante do comité arbitral da FEGABA. A idea central é artellar unha rede de apoio real aos clubs de base, ofrecendo ferramentas de seguimento, asesoramento e coordinación, sempre en diálogo directo co tecido deportivo local.
Na súa vertente deportiva, a #BreoAcademy contempla accións específicas para as categorías infantil, cadete e júnior. No primeiro caso, destaca a participación na MiniCopa como oportunidade de proxección; nas categorías superiores, traballarase cun sistema de radar de talento, con seguimento individualizado e apoio técnico.
Pero a formación non se limita ás pistas: o proxecto tamén aposta polo acompañamento académico da mocidade, mediante convenios con institucións como a Universidade de Santiago de Compostela, a UNED, o Politécnico de Lugo ou o CIFP As Mercedes.
Paralelamente, preséntase a Breogán Social Academy, unha iniciativa complementaria que procurará fomentar a participación en campañas solidarias, proxectos sostibles e actividades vinculadas á Fundación Breogán, reforzando así o compromiso social do club co seu contorno.