O CB Breogán recibe 488.000 euros da Deputación de Lugo

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo renovou o seu apoio ao CB Breogán mediante un contrato de patrocinio valorado en 488.000 euros, unha achega que mantén á institución provincial como o principal sostén institucional do club celeste.
O acordo fíxose público esta tarde nun acto no que participaron o vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, a presidenta do CB Breogán, Carme Lence, o vicepresidente Narciso Fernández, o director xeral Salva Arco, o director deportivo Tito Díaz e os xogadores Francis Alonso e Brankovic.
Efrén Castro reafirmou “o compromiso da área de Deportes co Breogán a través destes contratos de patrocinio, que sitúan á Deputación como o principal apoio institucional do club”. Nese sentido, destacou que “se trata dunha contía moi relevante para esta administración, pero necesaria para que o CB Breogán poida competir con entidades de grandes cidades, que contan cun tecido económico e social moi superior ao de Lugo”.
O vicepresidente provincial puxo en valor tamén “o traballo da familia breoganista e da directiva do club, porque, ademais dos fondos, é necesario facer as cousas ben. Hai proxectos con máis músculo económico que o Breogán que non logran triunfar nin manterse en ACB. Que unha cidade de 100.000 habitantes dispoña dun equipo nesta categoría é un pequeno milagre do que debemos estar orgullosos”.
O contrato de patrocinio, na liña dos últimos anos, inclúe ademais da presenza da imaxe institucional nas equipacións a participación do club en actividades de promoción deportiva en centros escolares e entidades de base, así como en accións de apoio a asociacións sociais, aproveitando a proxección deportiva e social do Breogán para dar visibilidade ao traballo destes colectivos.
Desde 2019, a Deputación de Lugo leva destinado ao CB Breogán un total de 2,94 millóns de euros a través de contratos de patrocinio.