O CB Breogán visibiliza o traballo de Auxilia Lugo no partido contra o Bilbao Basket

LugoXa
Como parte da homenaxe, un grupo de persoas usuarias de Auxilia asistirán ao partido grazas a entradas facilitadas polo club
Breogán,-Deputación-de-Lugo-e-Auxilia-Lugo
24 Jan 2025

O Club Baloncesto Breogán dedicará o encontro contra o Bilbao Basket deste sábado ás 18.00 horas no Pazo dos Deportes a destacar a labor de Auxilia Lugo, unha entidade referente na defensa da accesibilidade e da igualdade de oportunidades para as persoas con discapacidade.

O acto de presentación desta iniciativa contou coa participación do vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, o director xeral do CB Breogán, Salva Arco, e a delegada de Auxilia en Lugo, Nuria Neira. Durante o encontro, o club celeste dará visibilidade aos proxectos e servizos de Auxilia a través das súas redes sociais e dos soportes publicitarios do Pazo.

Efrén Castro destacou o papel clave de Auxilia na mellora da accesibilidade en Lugo, lembrando proxectos emblemáticos como a rampa de acceso ao Museo Provincial ou o ascensor á Muralla: “A loita de Auxilia foi determinante para avanzar cara a espazos máis accesibles. O CB Breogán ofrece unha plataforma extraordinaria para sensibilizar e implicar á sociedade en causas coma esta, que melloran a vida de todas e todos”.

Pola súa banda, a delegada de Auxilia, Nuria Neira, puxo en valor o traballo da entidade, que en maio cumprirá 53 anos promovendo a normalización da vida das persoas con discapacidade: “Lugo converteuse nunha cidade máis accesible, pero aínda queda moito por facer. Continuaremos traballando para mellorar os espazos de traballo, estudo e lecer”.

O director xeral do Breogán, Salva Arco, reafirmou o compromiso do club coa sociedade lucense: “Nos últimos días tivemos a oportunidade de visitar persoas usuarias e voluntarias de Auxilia xunto aos xogadores Edin Atin e Jhon Egbunu. Estas iniciativas son fundamentais para dar visibilidade a necesidades e demandas que non sempre están presentes, pero que resultan clave na vida cotiá de moitas persoas”.

Como parte da homenaxe, un grupo de persoas usuarias de Auxilia asistirán ao partido grazas a entradas facilitadas polo club.

Melloras na accesibilidade do Pazo

No marco do acordo de patrocinio entre a Deputación de Lugo e o CB Breogán, realizáronse recentemente varias actuacións para mellorar a accesibilidade ao Pazo dos Deportes. Entre estas, destacan a creación de novas prazas de aparcamento, rebaixas de beirarrúas nas paradas de autobús e a instalación dunha rampa de acceso fronte á piscina das Pedreiras. Ademais, o CB Breogán reforzou os espazos reservados para persoas con mobilidade reducida no contorno da pista.

O acordo entre a Deputación e o Breogán inclúe, ademais, a participación do club en actividades de sensibilización social, a promoción de hábitos saudables mediante visitas a centros educativos e a posta en valor de recursos culturais, patrimoniais e ambientais.

Con esta iniciativa, o CB Breogán reafirma o seu compromiso cos colectivos lucenses e a súa implicación en accións que fomentan a igualdade e a inclusión social.

0.17176508903503