O CB Breogán visibilizou o traballo da Plataforma Diversa Infantil durante o seu partido

O Club Baloncesto Breogán aproveitou o partido disputado esta fin de semana fronte ao Real Madrid para dar visibilidade ao traballo da Plataforma Diversa Infantil, nunha iniciativa conxunta promovida pola Deputación de Lugo, o propio club e a entidade social.
O acto de presentación contou coa participación do vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, e do director xeral do CB Breogán, Salva Arco, que acompañaron aos representantes da Plataforma Diversa Infantil. Durante o encontro, puxéronse en valor as accións que desenvolve esta organización en tres ámbitos fundamentais: o asesoramento ás familias, a promoción da accesibilidade nos espazos públicos, e a sensibilización arredor da discapacidade e da diversidade funcional infantil, a través da programación de actividades culturais e lúdicas.
Desde a plataforma aproveitaron a ocasión para reivindicar a importancia da inclusión no deporte, co obxectivo de que todos os nenos e nenas poidan acceder á práctica deportiva, independentemente das súas capacidades.
Así mesmo, destacouse a relevancia de contar con espazos de gran visibilidade, como un partido destas características, para lembrar que todas as persoas, desde o seu ámbito, poden contribuír a construír unha sociedade máis inclusiva e xusta.