O CB Breogán xa coñece o calendario da Liga Endesa 2025/26

LugoXa
O conxunto lucense estrearase en outubro en Lleida e pechará a tempada regular na casa contra o Casademont Zaragoza
afeccion-Breogan
21 Aug 2025

O CB Breogán xa ten marcado no calendario os partidos da Liga Endesa 2025/26, unha tempada que arrincará a primeira fin de semana de outubro. O equipo lucense estrearase a domicilio fronte ao Hiopos Lleida os días 4 ou 5 de outubro e xogará o primeiro encontro no Pazo dous só unha semana máis tarde, os días 11 ou 12, contra o Valencia Basket.

Na primeira volta destacan visitas esixentes como as canchas do Barça (25-26 de outubro), do Joventut de Badalona (27-28 de decembro) ou do MoraBanc Andorra (17-18 de xaneiro), mentres que os afeccionados breoganistas poderán gozar no Pazo de choques de gran nivel, como o Real Madrid (24-25 de xaneiro) ou o Baskonia (29 de decembro - 2 de xaneiro).

A segunda metade da liga tamén traerá partidos de máxima intensidade. O Breogán recibirá no Pazo ao Barça (7-8 de marzo), ao BAXI Manresa (28-29 de marzo) e ao Unicaja (16-17 de maio), ademais de visitar o Valencia Basket (4-5 de abril) e o Real Madrid (9-10 de maio).

O derradeiro encontro da fase regular disputarase entre o 28 e o 30 de maio en Lugo, cun partido contra o Casademont Zaragoza que pode resultar decisivo para os obxectivos da tempada.

⚙ Configurar cookies
0.18069195747375